O Banco Central Europeo estuda comprar débeda pública por máis de 500 mil millóns de euros

Os mercados descontan que esta quinta feira o BCE anunciará a compra da débeda pública dos Estados. Os conselleiros que están na órbita de Alemaña móstranse reticentes. 

Banco Central Europeo
photo_camera Banco Central Europeo


Sería a primeira vez que o BCE toma unha medida similar ás que durante esta crise teñen adoptado con relativa frecuencia a Reserva federal dos EUA ou o Banco de Inglaterra: comprar débeda pública para incrementar a masa monetaria en circulación e tentar reactivar así a economía.

A operación tería dous obxectivos básicos. O primeiro, tentar subir o nível dos prezos na zona euro até o situar no entorno do 2%, escorrentando así o risco da deflación. O segundo, reforzar a tendencia á queda do euro a respeito do dólar -neste momento, a moeda europea cotízase a 1,15 dólares-, visando reforzar as exportacións comunitarias (penalizadas durante estes últimos anos por teren unha moeda demasiado cara).

Alemaña, que é o Estado con maior capacidade de influencia sobre o BCE e o conxunto das institucións comunitarias, resístese a que esta medida se adopte, ou tal vez estea manobrando para que, finalmente, de se adoptar, o sexa nunha dirección o máis favorábel aos seus intereses.

"Non deberíamos emocionarnos demasiado", dixo un conselleiro próximo a Berlín en relación á reunión que o consello de goberno do BCE ten axendada para esta quinta feira

Esta mesma cuarta feira, Angela Merkel destacou que o BCE é un órgao independente e toma as decisións sen ningunha inxerencia do poder político, ao contrario do que sucede nos EUA, no Reino Unido ou no Xapón.

Por súa parte, Ewald Nowotny, membro do Consello de Goberno do BCE e gobernador do Banco de Austria, ben como dirixente próximo a Berlín, arrefeceu as perspectivas de o Banco Central Europeu vir tomar finalmente a decisión de mercar directamente a débeda soberana dos Estados. "Non deberíamos emocionarnos demasiado", dixo en relación á reunión que o consello de goberno do BCE ten axendada para esta quinta feira.

Nowotny esforzouse en minimizar o risco de que a economía da zona euro acabe rexistrando deflación, embora recoñecese que a taxa de inflación é moito baixa e que a súa evolución ten de ser vixiada "de perto".

Análise de Francisco Louça

O economista Francisco Louça, ex dirixente do Bloco de Esquerda, acaba de publicar no seu blogue en Público.Pt unha análise sobre o que viría a supor o despregamento dun programa de compra masiva de débeda pública por parte do BCE.

Louça advirte que o BCE "actua muito tarde" e que "nos últimos anos, tem procedido sempre erradamente".

Ao seu xuízo, para a Europa a política monetaria "já não basta". "O que é preciso é um programa de investimento e de emprego, com o Estado a pôr o dinheiro e a tomar as decisões sem demora. É preciso na Alemanha e é urgente nas periferias europeias", alega.

Comentarios