O banco dos acusados da Audiencia Nacional recibe os mandatarios da antiga caixa

A Fiscalía anti-corrupción pide para cinco ex-directivos de NCG tres anos de prisión por se adxudicar 19 millóns de euros en prexubilacións, cifra equivalente ao 29% do valor da entidade.

NCG

Tardará aínda uns meses (calcúlase que para a primavera de 2015) mais a imaxe producirase: directivos da Novacaixagalicia, nada da fusión de Caixa Galicia e Caixanova, sentados no banco dos acusados da Audiencia Nacional. O titular do Xulgado nº2 da AN, Ismael Moreno, dictou un auto polo cal anuncia a apertura de xuízo oral o ex-director de Novacaixagalicia José Luis Pego, o ex-director adxunto Javier García de Paredes e o ex-presidente Julio Fernández Gayoso, así como os ex-directivos Gregorio Gorriarán e Óscar Rodríguez Estrada. Tamén será xulgado o avogado Ricardo Pradas.

A Fiscalía considera que son responsábeis dun delito de apropiación indebida e alternativamente estafa. Pide tres anos de prisión por se adxucicar prexubilacións de 18,9 millóns de euros cando a entidade foi intervida dúas veces polo FROB. Estes case 19 millóns de euros representaban por volta do 29% do valor atribuído á entidade financeira antes da segunda intervención do FROB.

O auto do xuíz da AN dá un prazo de 20 días para que presenten escrito de defensa e para que, de forma solidaria, presenten unha fianza polo importe da cantidade que se lles reclama, eses 18,9 millóns de euros.

Escotet: Malos xestores

O actual responsábel de Abanca (banco nado a partir daquela fusión das caixas galegas) afirmou na Cadena Ser que, a raíz do que se coñece, nas caixas galegas “houbo malos xestores que cometeron grandes erros”.

Cómpre lembrar,a demais, que a CIG presentou na Audiencia Nacional unha querela criminal contra os ex-directivos das caixas de Aforros galegas (Caixa Galicia, Caixanova, novacaixagalicia) e de NCG Banco, SA (novagalicia banco) pola emisión de participacións preferentes. A querela está presentada contra os ex-directores xerais das Entidades, así como contra as persoas que integraban a Comisión Delegada dos Consellos de Administración dende o 2003.

Comentarios