Análise

A banca galega xogou ao blackjack

O economista Xosé Antonio Pena Beiroa prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
As entidades bancarias xogaron ao blackjack desvirtuando o negocio histórico das caixas de aforros. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera As entidades bancarias xogaron ao blackjack desvirtuando o negocio histórico das caixas de aforros. (Ilustración: Álex Rozados)

Falaba nunha análise anterior, publicada no mes de maio, de cando Galicia tiña bancos de seu. Nunha economía globalizada, aínda estando na periferia dos poderes económicos, outros factores contribuíron ao desastre. 

No 2008 comezaba o que xa se denominou como 'Gran Recesión'. Así era cualificada o 30 de xullo de 2010 por Catherine Rampell nun artigo publicado en The New York Times tras comparar os datos de caída da produción e o emprego cos anotados nas dez recesións rexistradas despois da segunda guerra mundial. Dito nome lembraba o da gran crise económica do século XX, a 'Gran Depresión', que comezou o 29 de outubro de 1929 en Estados Unidos e no día coñecido como o 'martes negro' ou tamén como 'crise do 29'. Foi unha crise económica mundial que durou até finais da década dos 30, a maior en todo o século, atendendo á súa duración, profundidade e ao número de países aos que afectou.   

Nun principio a gran depresión manifestouse no derrubamento das bolsas de valores, cuxos índices creceran vertixinosamente despois dun proceso especulativo que parecía non ter fin e que lembraba outros procesos históricos como foi o caso da burbulla do tulipán na Holanda do século XVII, onde un simple bulbo chegara a alcanzar un prezo de 1.000 floríns, o que equivalía ao salario de máis de seis anos. 

Como consecuencia das perdas bolsistas os cidadáns diminuíron o consumo privado, o investimento freouse e a banca colapsou, agravada a súa situación polas peculiares características de limitación territorial da súa actividade e pola falta de clarividencia da Reserva Federal (FED), que tomou decisións erróneas de política monetaria, como a restrición da liquidez e o aumento dos tipos de interese.

A gran recesión

A diferenza da anterior, a 'Gran Recesión' non veu dunha crise bolsista, senón que nos decatamos en setembro de 2008 cando coñecemos a quebra do banco de investimento Lehman Brothers, provocando a caída dos mercados financeiros e o colapso da aseguradora AIG, que houbo de nacionalizarse, pasando a pertencer á FED. Tamén foron intervidas as compañías de titulización de hipotecas Fannie Mae e Freddie Mac. 

Precisamente a xénese da recesión foi a burbulla inmobiliaria que sen a estreita colaboración da banca non se produciría. Os bancos de investimento, como Lehman Brothers, víronse afectados pola crise das hipotecas subprime, que eran préstamos hipotecarios concedidos malia presentar, contra toda lóxica, un nivel de risco de falta de pagamento moi superior aos demais. Aínda que non fosen concedidos polos bancos de investimento, chegaron a representar unha elevada porcentaxe dos seus activos grazas á compra de titulizacións de carteiras de préstamos subprime pola súa elevada rendibilidade. 

En realidade, a crise produciuse como consecuencia do desregulamento do sector financeiro estadounidense impulsado polo que foi Presidente da FED no prolongado período que media entre agosto de 1987 e xaneiro de 2006, Alan Greenspan, seguidor da fundadora do obxectivismo Ayn Rand, coñecida partidaria da eliminación de toda regulamentación sectorial e da separación total entre o estado e a economía. 

Durante o mandato de Greenspan impulsáronse os derivados financeiros, produtos cuxa valoración está relacionada co prezo doutro activo, de aí a súa denominación de derivado. A ese outro activo noméase como activo subxacente. Por exemplo, no caso das hipotecas subprime, os bancos comerciais que as conceden empaquetan os seus préstamos hipotecarios titulizándoos en carteiras que comprenden préstamos de baixo risco e de elevado risco, véndenos en lotes como derivados de crédito denominados CDO’s (Collateralized Debt Obligations) ou obrigacións con garantía colateral a bancos de investimento americanos e mesmo ao europeo Deutsche Bank. No proceso contan coa inestimábel colaboración das axencias de cualificación crediticia Standard & Poors, Moody's ou Fitch, que recoñeceran ás emisións a súa máxima cualificación.

En Galicia reproduciuse a situación. Aínda non existindo os bancos de investimento, o estalido da burbulla inmobiliaria arrastra á práctica totalidade do sector financeiro, con especial incidencia nas caixas de aforro, que foran máis activas no financiamento de promocións inmobiliarias. Tal foi así que máis que hipotecas subprime, deberíamos falar de "préstamos promotor subprime".

Máis que as elevadas taxas de morosidade dos consumidores titulares de hipotecas, foi o préstamo promotor, que a nivel estatal multiplicou o seu saldo por máis de seis alcanzando en 2009 os 325.000 millóns, o verdadeiro causante da insolvencia das nosas entidades. Xogaron ao blackjack desvirtuando o negocio histórico das caixas de aforros. 

Comentarios