Balaídos e Riazor: fungueirazo á impunidade do Prestige

Peñas do Celta, do Depor e do Lugo comparten unha petición para as afeccións galegas nesta fin de semana: que no minuto 10 dos respectivos encontros os berros e as bandeiras de Nunca Máis enchan as bancadas dos estadios.  

nuncamais

Rexeitar a sentenza do Prestige tamén nos estadios de fútbol. Un fallo xurídico que certifica a impunidade da maior catástrofe da historia de Galiza merece ser respondida en todos os lugares posíbeis. Por iso, peñas de afeccionados do Celta de Vigo, do Deportivo da Coruña e do CD Lugo partillan unha demanda común: que en Balaídos e Riazor, no minuto 10, abrouxe o Nunca Máis nas bancadas. Tamén convidan aos seareiros a levar bandeiras e camisolas de Nunca Máis. Todo iso para dar un punteirolo (ou fungueirazo, ou punteirazo ou furolo ou trallazo ou barrenazo ou) á impunide.

No caso do Celta, a idea partiu da Peña Colectivo Nós e xa ten o apoio, entre outras, dos Carcamáns da Illa de Arousa, de Merlegos, de Preferencia Celeste... Mais semella que o xérmolo inicial da proposta (como recoñecen os celtistas de Nós) está na Coruña, onde polas redes sociais se espallou a idea.

Comentarios