A baixura para contra o novo control que quere impoñer a UE, que ve "excesivo"

Segunda xornada de paro en pouco menos de dous meses para a frota artesanal galega. O sector paralizou esta sexta feira a súa actividade e reuniu as embarcacións nos portos en protesta contra o regulamento que se está a negociar na Unión Europea. Denuncian a "total imposibilidade" de implantalo na Galiza.  
Embarcación de baixura que participou na protesta do sector esta pasada sexta feira.(Confraría da Guarda)
photo_camera Embarcación de baixura que participou na protesta do sector esta pasada sexta feira. (Foto: Confraría da Guarda)

A frota artesanal galega e o marisqueo a pé non foron ao mar esta sexta feira en protesta polo regulamento comunitario de control da súa actividade que a Unión Europea (UE) ten previsto aprobar. As embarcacións concentráronse nos peiraos, cunha presenza maior nos portos de Ribeira, Illa de Arousa, Burela e Bueu. Ás 12 as embarcacións realizaron unha sonora pitada e nalgunhas confrarías houbo xuntanzas.

No porto de San Cibrao (Cervo), houbo concentración mais sen embarcacións. O seu patrón maior, Javier Sánchez, conta a Nós Diario que este regulamento lles afectaría teñan ou non embarcación.

"É complicado que un percebeiro estea co aparello enriba, que poida caer con el cando sobe pola ribeira e teña problemas por non contar co sinal de cobertura", di. Explica que a maior parte das embarcacións son pequenas "e non teñen lugar onde colocar o xeolocalizador que queren obrigar a pór". 

Controis actuais excesivos

Sánchez opina que os controis actuais xa son excesivos. Apunta que o problema é que "son tantos organismos os que che queren controlar" que non o entende, "son excesivos, contan con toda a información". 

En Porto do Son pararon as súas 60 embarcacións. En declaracións a Nós Diario Alberto Ansioso, patrón maior desta confraría, amósase crítico mesmo coa normativa de control actual "e aínda por riba queren engadir outras máis". Explica que no peso das capturas que realizan "no mesmo barco" moitas veces teñen erros polas propias condicións en que traballan.

"Co movemento da embarcación non hai maneira de pesar, baila a báscula", polo que incrementar o regulamento "non ten sentido, xa temos os gardapescas, a Xunta, a Fiscal, a Garda Civil, a policía municipal e para o polbo os de Portos da Galiza”.

Non entende todo este tipo de atrancos para realizar o seu traballo. "Se temos un erro xa nos chega unha multa, non podemos protestar", asegura. Conta que no seu caso e no doutros as sancións chegaron por equivocacións de 300 gramos. Ansioso pensa, daquela, que todo este tipo de controis fan que "o peixe perda moita calidade".

O anuncio deste regulamento ten o sector cos ánimos acendidos. "Amárganos a vida coa política pesqueira de cotas que está moi mal e con isto non levantamos cabeza, estanos aburrindo", resume este mariñeiro.   

Comentarios