“Os baixos prezos aos gandeiros derivan de carecer dunha industria láctea propia”

Fruga lembra que nas principais rexións lácteas de Europa hai potentes industrias lácteas de base cooperativa, algo do que Galiza carece.

Leite

Galiza ocupa o noveno posto entre as rexións produtoras de leite da Unión Europea. Os gandeiros galegos perceben 5 céntimos menos por litro que a media das principais zonas produtoras. E, ademais, entre 2 e 3 céntimos menos que a media que se paga no estado español, onde ningún territorio ten o peso leiteiro que ten Galiza.

“Sendo unha potencia produtora, Galiza non pode quedar á marxe do novo contexto que vai regular a produción e comercialización de leite no futuro”, advirten desde a Federación Rural Galega (Fruga). Neste sentido, a organización indica que todas as rexións lácteas da UE  teñen unha industria láctea de base cooperativa. O que ten entre os seus efectos “conseguir importantes beneficios para os produtores e produtoras de leite destes lugares”. Porén, prosegue a Fruga, en Galiza observamos como a industria láctea de base cooperativa “ten unha escasa capacidade de transformación e comercialización no sector leiteiro galego, concretamente a principal industria galega nestes intres é Lactalís, un grupo francés que recolle a maior parte do leite galego”.

Hai unha relación directa entre carecer “dunha industria propia, cos pes e o corazón na nosa terra” e os baixos prezos que se paga aos gandeiros, reflexiona. Un dato significativo desta situación é que máis dun 30 por cento do leite producido na Galiza sae sen ningún tipo de transformación.

“Nos últimos días, estamos a asistir a varios casos de fusión entre cooperativas, algo que dende Fruga nos parece positivo, pero dende logo, non chega con simples fusións, senón que a maiores o sector lácteo galego, ten que dispor de importantes industrias lácteas de base cooperativa capaces de comercializar a maior parte do leite que se produce no país”.

Comentarios