martes 26.05.2020

Baixón das exportacións polo derrumbamento do sector téxtil

O Instituto Galego de Estatística vén de publicar os datos de exportacións de marzo, nos que Galiza rexistrou a maior caída do Estado español. O téxtil foi o principal sector prexudicado pola incidencia da COVID-19 nos mercados internacionais. 
O téxtil afundiu as exportacións galegas en marzo (PuntoGa / M. Riopa)
O téxtil afundiu as exportacións galegas en marzo (PuntoGa / M. Riopa)

Xa se sabía que o feito de que a COVID-19 comezara a súa expansión pola China non ía traer boas novas ás firmas de moda galegas que teñen no país asiático parte da sua produción e tamén un dos seus principais mercados. 

O dato de exportacións publicado onte polo Instituto Galego de Estatística corrobora esta sospeita. O pasado mes de marzo, o valor das exportacións galegas acadou os 1.357 millóns de euros, o que supón un afundimento de 26,7% respecto ao mesmo mes de 2019. Detrás deste derrumbamento está o mal dato das vendas ao exterior de pezas de vestir, que caeron 52%.

A baixada das exportacións galegas é tamén a maior de entre todos os territorios do Estado español, onde o retroceso medio sitúase en 14,4%, case a metade. Ademais, o dato negativo corta a tendencia marcada ao inicio do ano, xa que antes da irrupción do coronavirus as exportacións galegas medraban 8% entre xaneiro e febreiro. Así, no primeiro trimestre o saldo queda en negativo, cunha baixada de 4,5%, tamén máis acusada que a da medida de territorios (3%).

A caída das prendas de roupa acapara o protagonismo, mais non é o único dato negativo nas estatísticas. Por detrás tamén están os combustíbeis (-3,7%), co bioetanol como protagonista, xa que a demanda interna aumentou pola fabricación de xel hidroalcohólico, e o material eléctrico (-3,1%). En cambio, a demanda de conserva durante o confinamento fixo que medrasen as súas exportacións.

Caída das importacións

No que atinxe ás importacións a caída en marzo tamén é salientábel: 16,1%. O importe total de bens importados logrou os 1.359 millóns de euros e deixa un saldo negativo na balanza comercial de 2 millóns de euros.

Combustíbeis (-7,6%) e automóbiles (-4%) son os que presentan os peores datos en marzo, mentres soben as pezas de vestir. Uns comportamentos que se reproducen de forma similar no primeiro trimestre de 2020, no que as importacións caeron  7,6%, por riba da media estatal.

Eliminación das restricións 

O Club de Exportadores e Inversores (CEI), á vista destes resultados, considera "urxente" que as autoridades españolas e comunitarias eliminen de forma "paulatina" as restricións á mobilidade internacional na Unión Europea e co resto do mundo para que as empresas exportadoras poidan recuperar a súa actividade e contribuír á recuperación económica.

Neste senso, o seu presidente, Antonio Bonet, reclama a apertura de máis oficinas comerciais no exterior, unha campaña para recuperar a imaxe no estranxeiro, así como renunciar á suba de impostos e cotizacións sociais.

Bonet alertou de que os datos de marzo anticipan un "durísimo impacto da crise da COVID-19 no segundo trimestre do ano", que xa está a pasar factura a 80% das empresas con actividade internacional. 

comentarios