Baixa o prezo da luz este sábado un 13,21% e cae por baixo da cota dos 200 euros/MWh

Por segunda xornada consecutiva redúcese o prezo da electricidade no mercado almacenista. O prezo mínimo da luz darase entre as 17 horas e as 18 horas, con 138 euros/MWh, e o máximo rexistrarase entre as 21 e 22 horas, que será de 232,01 euros/MWh.
O prezo da luz baixa este sábado (Foto: Nós Diario).
photo_camera O prezo da luz baixa este sábado (Foto: Nós Diario).

Este sábado cae o prezo medio da electricidade no mercado almacenista por segunda xornada consecutiva, cunha baixada de 13,21% respecto desta sexta feira, polo que se sitúa por baixo da cota dos 200 euros por megawatt hora (MWh).

En concreto, o prezo medio do 'pool' está nos 186,45 euros/MWh, o que supón 28,39 euros menos que os 214,84 euros/MWh de media desta sexta, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

O prezo mínimo da luz para este 30 de abril darase entre as 17 horas e as 18 horas, con 138 euros/MWh, mentres que o máximo para a xornada será de 232,01 euros/MWh e rexistrarase entre as 21 e 22 horas.

Respecto de hai un ano, o prezo medio da electricidade para este sábado será un 135,15% máis caro que os 79,29 euros/MWh do 30 de abril de 2021.

Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada, o denominado PVPC.

Acordo da Comisión Europea

A pasada terza feira, os Gobernos de Portugal e do Estado español arrincaron un acordo coa Comisión Europea para pór tope ao prezo do gas no mercado almacenista de electricidade da Península Ibérica, que se situará nunha media de 50 euros/MWh nos próximos doce meses.

Con arranxo ao acordo alcanzado co Executivo comunitario, o prezo de referencia do gas fixarase, nun primeiro momento, ao redor de 40 euros/MWh e marcará un prezo medio de 50 euros/MWh ao longo dos 12 meses que estea en vigor, o que supón 20 euros máis do tope de 30 euros que propuxeron de saída o Estado español e Portugal.

Comentarios