'Bacallau con coliflor' para unha noiteboa de loita no campamento do cerco

A acampada perante a sede da Xunta mantense nas festas, cos cerqueiros apoiados por quendas solidarias dos bombeiros da Coruña e a visita do grupo de teatro máis antigo de Galiza.

Cerco 2

Este 24 de decembro o campamento do cerco fronte a sede da Xunta cumpre 64 días. Mariñeiros, armadores e as súas familias agurantaron a pé de tenda nestes dous meses chuvia e frío para exixir un reparto xusto da cota que garanta un futuro para un sector que en Galiza son por volta de 150 barcos e case 1.500 mariñeiros, para alén de empregos indirectos. Canda esta acampada, os barcos do cerco permanecen amarrados a porto, sen faenar: dous meses sen ingresos.

Esta noiteboa o campamento do cerco mantense en pé, ao igual que en nadal e en anovello. 18 mariñeiros do cerco pasarán este 24 nas tendas. Embora a conversa desta semana entre as partes (conversa que se produce após dous meses de campamento e moitos máis de mobilizacións e protestos), as tendas seguen no seu sitio e esta noite cerqueiros volverán durmir nelas. Iso si, e como xa anunciaron, non faltará unha tradición galega para a cea: o bacallau con coliflor. Tamén haberá carne e algo de marisco Nestes días de festa, bombeiros da Coruña están a facer quendas voluntarias para relevar no campamento os mariñeiros. Para esta noite do 24, os acampados xa teñen preparadas diferentes actividades. Entre elas, pendurar en Eu apoio o cerco vídeos e mensaxes.

Na xuntanza entre Acerga -representante da maioría do sector- e Cerqueiros Galegos houbo un primeiro paso de achegamento. Mais Acerga mantén o campamento porque os motivos que orixinaron estes meses de protestos seguen vixentes. Até que se lles dea unha garantía de solución a un conflito que, lembran, vén do reparto inxusto das cotas, as tendas seguirán fronte San Caetano. Demandan máis cota para Galiza e que esta se reparta con criterios liñais e non históricos.

Este domingo, o campamento recibirá máis unha visita especial, a de Teatro Airiños, a compañía teatral máis veterana de Galiza, con 82 anos de existencia.

Comentarios