Babcock, socia da Xunta no polo de Rozas, prepara a súa marcha de España

A multinacional británica Babcock anuncia unha reorganización na que contempla desprenderse do seu negocio no Estado español
O presidente da Xunta e o conselleiro de Economía ante un dos prototipos de Babcock no CIAR de Rozas (Castro de Rei) (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente da Xunta e o conselleiro de Economía ante un dos prototipos de Babcock no CIAR de Rozas (Castro de Rei) (Foto: Xunta da Galiza).

Inaer, o socio tecnolóxico da Xunta xunto con Indra no polo aeroespacial de Rozas (Castro de Rei) semella ser un negocio ruinoso para a multinacional británica Babcock International Group, quen xa anunciou a súa intención de desprenderse da súa filial española para centrarse nos negocios de defensa e seguridade en Reino Unido, Francia, Canadá Australia e Suráfrica.

David Lockwood, presidente de Babcock, xa avisara o pasado xaneiro que estaban a revisar desde novembro o modelo estratéxico e a traballar nun novo modelo operativo.

Nese novo modelo non ven encaixe para Babcock España, que leva varios anos presentando números vermellos, en parte pola compra en 2014 de Avincis, a antiga Inaer, por 1.500 millóns de libras esterlinas, firma que despois rebautizaría como Babcock Mission Critical Services.

Segundo sinalou a propia compañía durante a presentación de resultados do grupo, "a adquisición de Avincis en 2014 non achegou valor aos accionistas, cun baixo rendemento das elevadas cantidades de capital investido", polo que xa lle están a buscar unha saída no mercado.

Encontros e desencontros

A de Babcock e a Xunta é unha historia de encontros e desencontros. Inaer, filial da multinacional británica, foi a empresa elixida polo Executivo galego xunto a Indra como socio estratéxico na posta en marcha do Centro Mixto de Investigación Aerotransportada (CIAR) de Rozas, proxecto ao que tamén se sumou a posteriori a multinacional estadounidense Boeing.

Ademais, Babcock foi a principal concesionaria dos medios de emerxencia na Galiza durante os mandatos de Alberto Núñez Feixoo, mais esta dependencia quedou ás veces marcada pola sombra da prevaricación. 

De feito, o Consello de Contas detectara en 2012 irregularidades na contratación do servizo de extinción de incendios que foran denunciadas ante a Xustiza pola CIG, aínda que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decidiu finalmente arquivar a causa. Pese a recoñecer no auto que a Xunta cometera unha ilegalidade na citada contratación, o TSXG non viu indicios de prevaricación e limitou as posíbeis responsabilidades ao ámbito administrativo.

Co Sergas tamén houbo conflito. O concurso do servizo de transporte sanitario aéreo urxente do 061, adxudicado a Eliance, filial de Habock, rival de Babcock, levou a multinacional británica a xudicializar o procedemento.

Babcock, que ao mesmo tempo acometía un importante recorte salarial entre o seu cadro de persoal, forzou a paralizar en varias ocasións a adxudicación, todas elas sen éxito, xa que a Xunta adxudicou á terceira o contrato ao seu principal rival. 

Agora, Babcock centra a súa actividade na Galiza no polo de Rozas, onde, xunto con Indra, mobilizou máis de 150 millóns de euros en investimentos públicos e privados para desenvolver un ecosistema de innovación arredor dos vehículos aéreos non tripulados. 

Entre os seus prototipos destaca o helicóptero Lúa, capacitado para facer voos nocturnos, e o Lumes, destinado ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

Comentarios