Azkar é inteiramente mercada por capital alemán e segue os pasos de R

Azkar, Banco Pastor e a empresa de telecomunicacións R son algúns dos proxectos orixinariamente galegos que ficaron en mans de grandes empresas transnacionais de capital foráneo. O proceso de absorción ou fusión toma parte fundamental do actual momento económico onde a concentración de capital se extende por todos os sectores da economía.

A concentración e centralización do capital nas crises económicas toma parte fundamental dos resultados destas, en tanto que ciclo ou fase do proceso de acumulación no sistema capitalista. Neste sentido non só as entidades financeiras galegas están a ser absorbidas por outras empresas senón que importantes negocios orixinariamente postos a andar en Galiza por capital autóctono e iniciativas familiares, son mercados por grandes grupos chegados doutras economías, que aproveitan para se apropiaren do mercado xerado por un negocio, asemade, de grandes dimensións. A empresa de telecomunicacións 'R', o Banco Pastor ou o coñecido a pasada cuarta feira, Azkar, son algúns exemplos.

Neste sentido, a empresa de mensaxería e transporte, Azkar, vén de anunciar que o 100% do seu capital foi participado pola alemá Dascher. Azkar dá emprego de maneira directa e indirecta a máis de 5.000 persoas en todo o país. Segundo o seu presidente, o lugués José Antonio Orozco, a entrada do capital alemán efectivizarase o vindeiro día 15 e procura manter a actividade da empresa de transporte a través da súa absorción por parte dunha transnacional que xa posuía o 10% do capital desde 2002. "O que se valora dunha empresa é onde desenvolve a súa actividade, asegurou o presidente de Azkar en comparecencia de imprensa, e non o seu capital". Porén, o certo é que o accionista maioritario será quen se apropie, a partir da fusión, dos beneficios xerados por unha empresa que obtivo o pasado 2011 unha facturación de máis de 360 millóns de euros.

Azkar obtivo en 2011 unha facturación de 367 millóns de euros

Da mesma maneira, aconteceu o pasado ano 2010 coa empresa de telecomunicacións R cando a inglesa CVC Capital Partners se fixo co 70% do seu capital após facerse coa parte daquela participada pola extinta CaixaNova. Neste sentido, CVC aseguraba que "mantería a galeguidade" do proxecto mantendo o seu domicilio social en Galiza malia que "pularía pola súa expansión en novos mercados". Así pois, malia tributaren nun determinado territorio os beneficios obtidos viaxan a novos centros de poder asentados noutras formacións sociais que serán as encargadas de decidiren en que lugar do mundo serán revertidos, polo xeral, aproveitándoos para ampliaren o negocio noutras partes do mundo.

Da mesma maneira, o Banco Pastor foi finalmente absorbido polo Banco Popular, que controla máis do 95% do accionariado. Aliás, o rescate recibido polas extintas caixas galegas obrigará a que estas sexan vendidas a outras entidades facendo desaparecer o negocio das caixas cara á concentración e centralización do sector en poucas e grandes mans, que tenden a operar para alén, mesmo das súas propias fronteiras financeiras até participaren en empresas que permiten a creación de grandes conglomerados económicos que abranguen múltiples sectores a nivel internacional.

Comentarios