Aymerich exixe á Xunta impugnar o decreto sobre as preferentes

O voceiro de economía do BNG, Carlos Aymerich, vén de exixir publicamente ao goberno da Xunta de Galiza que "impugne o decreto-lei", previsto polo executivo español, onde se fixa unha quita, como solución á fraude das preferentes.

No vindeiro Consello de ministr@s, que terá lugar esta sexta, o goberno de Mariano Rajoy, aprobará unha norma pola que se impón a quita para as persoas afectadas pola estafa das preferentes. Neste sentido, @s afectad@s pola venda deste produto financeiro de natureza fraudulenta, verían retribuído só parte do diñeiro investido e non antes de catro ou seis anos. Así mesmo, Aymerich denunciou as condicións recollidas no memorando do rescate, asinado polo goberno español o pasado mes de xullo, das cales di "son beneficiosas para os bancos", ao trocaren as preferentes por títulos a prezo de mercado, o que suporá unha importante perda de diñeiro para moitas das persoas afectadas. Segundo o nacionalista, "alguén que teña metidos 100.000 euros cobrará 40.000".

Segundo o deputado nacionalista, isto supón "unha nova burla" para as persoas defraudadas, e instou á Xunta a impugnar a proposta do goberno español e a procuraren novas alternativas, que para o BNG pasan pola devolución íntegra do seu diñeiro @s aforrador@s.

Carlos Aymerich, tamén criticou nas súas declaracións a arbitraxe promovida pola Xunta, o goberno español e a UE, pois entende que "os árbitros non son imparciais nin especializados". Así mesmo, asegurou que esta ferramenta só beneficiou á irmá de Núñez Feijóo, cuxa empresa recibiu un "contrato de 85.000 euros para atender telefonicamente @s estafad@s".

Comentarios