As axudas da Unión Europea, á espera de condicións por concretar

A resposta da Unión Europea á crise provocada polo coronavirus está aínda por concretar. Mentres unha parte da sociedade observa con preocupación as consecuencias da intervención, outros sectores consideran que estamos diante dun tempo novo en Europa. Analizamos os termos da proposta formulada pola Comisión Europea.
Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

O pasado 27 de maio, a Comisión Europea fixo pública a súa proposta diante da emerxencia económica provocada pola pandemia. A alternativa formulada parte do proxecto presentado unhas semanas antes polos Gobernos de Francia e Alemaña e recolle unha liña de financiamento de 750.000 millóns de euros para os Estados comunitarios. Segundo expresou a presidenta da Comisión Ursula von der Leyen, "500.000 millóns de euros distribuiranse como transferencia e 250.000 millóns como crédito", fixando 2021 como data de arranque dun programa que se vai alongar até o 31 de decembro de 2024.

A proposta foi recollida con euforia polo Goberno español, así como polo principal partido da oposición. Neste sentido, Pedro Sánchez destacou que "España é o segundo Estado máis beneficiado", cifrando a contía da axuda en 140.000 millóns, 73.000 millóns dos cales proceden das transferencias e 63.000 millóns en forma de crédito. Porén, o paquete europeo debe percorrer aínda un longo proceso, descoñecéndose o monto final dos fondos, que probabelmente van ser recortados malia ficar moi lonxe das peticións iniciais do Executivo español, e as condicións impostas pola Comisión Europea para recibir as axudas.

Resposta dos especialistas ás axudas da UE

A economista da Universidade de Compostela (USC), María Cadaval, en declaracións a Nós Diario, considera "positiva a proposta da Comisión Europea porque é diferente, na medida en que dous terzos dos fondos son axudas directas e só un terzo créditos". Cadaval sinala que "non é unha proposta definitiva pero unha vez que conta co apoio de Francia e Alemaña, o resultado final será moi parecido. Considéroo unha iniciativa moi interesante, onde os fondos van dirixidos fundamentalmente á innovación e ao desenvolvemento sostíbel polo que estas liñas deben estar moi presentes nas propostas de recuperación que elaboren o Goberno estatal e a Xunta da Galiza".

Adrián Dios, profesor da Facultade de Económicas da USC, valora como "positivas as decisións destinadas a fornecer liquidez", mais analiza que "responden ás necesidades do eixo franco-alemán de que os Estados da Unión Europea consuman para favorecer as súas exportacións". "A proposta da Comisión Europea lígase coa propia esencia do proxecto da Unión Europea de expandir os mercados dos Estados centrais, por iso a industria alemá medra e a dos países do sur, como Galiza, mingua", explica Dios a Nós Diario preocupado por que esta decisión poida reducir aínda máis a capacidade de produción industrial dos Estados que non fan parte do centro europeo.

O profesor do campus de Lugo da USC Bernardo Valdês sinala a Nós Diario que "a avaliación da proposta depende da que fagamos da Unión Europea (UE). Se consideramos que as cousas ían ben, a avaliación será positiva, malia que se poida pensar que a dotación do fondo é insuficiente e que parte non é un incremento de gastos, senón de partidas. Porén, se tomamos como base unha visión minimamente crítica da UE, como espazo privilexiado para agudizar as desigualdades e a concentración territorial da riqueza ou de que a súa economía estaba afectada xa por serios problemas estruturais, a visión cambia. A proposta da Comisión segue a afondar na lóxica de aumentar o endebedamento público e da condicionalidade das políticas económicas que aplican os Estados membros".

O economista Xosé Díaz destaca que "a execución destes fondos está ligada ao Semestre Europeo, un instrumento que ten entre os seus obxectivos o saneamento das finanzas públicas ou as reformas estruturais con todo o que iso significa". "Non deixa de ser curioso que o programa se denomine "A vindeira xeración europea", porque precisamente a próxima xeración vai ser a pagana deste programa de financiamento", engade. "Unha parte do programa, concretamente o coñecido como Mecanismo de Solvencia, vai destinado a financiar directamente as empresas privadas mediante o Banco Europeo de Investimentos (BEI)", conclúe.

A totalidade dos economistas consultados por Nós Diario dan por feito que as achegas aos Estados van estar sometidas a condicións, na liña do xa expresado polas autoridades europeas. "Haberá condicións si ou si", comenta Adrián Dios, "e van estar xa nos proxectos", sinala María Cadaval, "seguramente as condicións seguirán as mesmas liñas que veñen incidindo até agora utilizando distintos eufemismos", indica Bernardo Valdês, "as condicións poden ser moi duras", conclúe Xosé Díaz.  

María 

Comentarios