Axudas de até 10.800 euros para comprar unha vivenda: A quen está dirixida? Como podo solicitala?

O prazo de solicitude abre este sábado e rematará o próximo 30 de setembro.
As axudas están destinadas á poboación de entre 18 e 35 anos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera As axudas están dirixidas á poboación de entre 18 e 35 anos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A Xunta da Galiza vén de convocar unha orde de axudas directas dirixidas a mozas e mozos de entre 18 e 35 anos para apoiar a compra da súa vivenda habitual en municipios cunha poboación que non supere os 10.000 habitantes.

Segundo detalla a Administración nun comunicado, os incentivos poden chegar até os 10.800 euros por inmóbel, sempre que esta contía non supere 20% do prezo de compra.

As bases reguladoras e os requisitos aparecen recollidos na resolución publicada esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), e as persoas interesadas poderán solicitar as subvencións a partir deste sábado e até o próximo 30 de setembro, preferibelmente por vía electrónica.

As rendas de todos os membros da unidade de convivencia deberá ser igual ou inferior a tres veces o IPREM

Entre os requisitos estabelecidos, será preciso acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a tres veces o IPREM —23.725,8 euros—, aínda que o límite pode subir até catro ou cinco veces no caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na propia convocatoria.

Outro dos requisitos é que o prezo da vivenda —que terá que estar xa construída, con independencia de que sexa nova ou de segunda man— non supere os 120.000 euros e que a operación de compravenda fose efectuada con posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano.

O orzamento para esta edición das axudas é de 2,55 millóns de euros. Aliás, serán compatíbeis con aquelas destinadas ao mesmo fin "sempre que as outorgue outra institución pública ou privada diferente da Xunta".

Comentarios