A Axencia Tributaria obriga a tributar a cesión patrimonial no agro ás fillas ou fillos

As organizacións Sindicato Labrego Galego (SLG) e Unións Agrarias (UUAA) recorrerán contra o imposto de transmisión aprobado polo Tribunal Económico-Administrativo Rexional da Galiza (TEAR-G).
Imaxe dun labrego nunha explotación gandeira que formou parte dunha campaña realizada en 2020 polo Sindicato Labrego Galego (SLG).
photo_camera Imaxe dun labrego nunha explotación gandeira que formou parte dunha campaña realizada en 2020 polo Sindicato Labrego Galego (Foto: SLG).

Esta semana coñeceuse a resolución do Tribunal Económico-Administrativo Rexional da Galiza (TEAR-G) pola que as transmisións que se realizan de pais ou nais a fillos ou fillas deberán ser consideradas como unha ganancia patrimonial, de maneira que obrigan a tributar á persoa que cede a titularidade da explotación ao seu fillo ou filla. Desde as organizacións agrarias rexeitan esta decisión e xa anunciaron que actuarán para que se modifique. 

Para a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba Seivane, esta resolución "é allea á realidade" e "penaliza o relevo xeracional", posto que engade "unha dificultade a maiores" á mocidade que quere continuar traballando a explotación familiar. Explica a Nós Diario que os dereitos administrativos se fan conxuntamente cos dereitos da granxa, polo que "normalmente non hai ningunha contraprestación económica e, se ingresan algún diñeiro pola PAC, xa o tributan na súa propia declaración da renda".

Cando no futuro esa explotación xa teña unha titularidade nova, "se presenta ingresos tamén ten que imputalos na súa declaración". Por este motivo, o SLG considera que "eses ingresos xa se declaran" e neste caso agora "a Axencia Tributaria presupón que hai unha ganancia, unha transacción mercantil, e os fillos páganlles aos pais por recibir eses dereitos administrativos". 

Vilalba lembra que hai unha realidade no campo "que ten estado no dereito galego, como é a compañía familiar galega que debería terse en conta como unha base para asegurar que os elementos que son necesarios nunha explotación teñan un tratamento lóxico". Diante disto, o SLG decidiu levar este tema ao Consello Agrario Galego para que realice unha reclamación unánime á Axencia Tributaria de cara a retirar esta obriga. 

A declaración en réxime de gananciais entre cónxuxes

A diferenza do que acontece agora coa transmisión entre nais ou pais a fillas ou fillos nas explotacións agrícolas, o Tribunal Económico-Administrativo Rexional da Galiza (TEAR-G) estimara en marzo as reclamacións contra as liquidacións do Imposto da Renda sobre as Persoas Físicas (IRPF) que fixera a Axencia Tributaria polas transmisións de dereitos de pago único entre cónxuxes casados en réxime de gananciais.

Regulamentar para evitar estas resolucións

Félix Porto, avogado e responsábel da área externa de Unións Agrarias (UUAA), sinala tamén a súa oposición á medida e indica que a recorrerán diante do Tribunal Contencioso Administrativo. "Agora mesmo implica gravar a persoas novas de maneira directa cun imposto", asegura a Nós Diario, "un prexuízo económico claro para aquelas e aqueles polos que en teoría todos estamos apostando para que se consolide a poboación no medio rural", engade. 

Esta resolución da Axencia Tributaria, para Porto, "desmente as medidas que se anuncian desde todas as Administracións para reducir impostos no rural coa fin de consolidar o emprego da mocidade". Desde esta organización exixen que se regule "dunha maneira clara" para evitar que se dean este tipo de interpretacións dos distintos tribunais. "Hai que regulamentar se a aposta política é na liña de evitar que teñan lugar estas resolucións", sentencia Porto. 

Ao estar agora co período aberto de presentación de declaracións da renda, esta resolución obriga a respectar este criterio da Axencia Tributaria. Segundo UUAA, poderán recorrer, mais antes "teñen que facer o depósito do diñeiro en Facenda até que teña a resolución dun tribunal", co prexuízo económico que se lle traslada de non facelo. "Cobraranlle os intereses e terá un problema".

Comentarios