As auxiliares de Alcoa alertan da perda de empregos se o investimento se atrasa

Os concellos da comarca e os traballadores das auxiliares agardan que os compromisos adquiridos por Alcoa se materialicen canto antes.
O persoal das auxiliares cre que os investimentos previstos por Alcoa en San Cibrao (Cervo) poderían xerar novos postos de traballo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera O persoal das auxiliares cre que os investimentos previstos por Alcoa en San Cibrao (Cervo) poderían xerar novos postos de traballo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A multinacional Alcoa concluirá previsibelmente esta semana a parada das cubas da factoría de San Cibrao (Cervo). As datas que manexa o persoal son 20 ou 21 de xaneiro para a suspensión total das 512 cubas de electrólise. "Van parando aos poucos, unhas 24 ao día", anunciaba a semana pasada o presidente do comité, José Antonio Zan, despois de que se chegase ao ecuador deste proceso, iniciado o 1 de xaneiro.

A parada das cubas era a condición de Alcoa para garantir a continuidade dos postos de traballo da factoría nun plan que contempla, entre outras medidas, investimentos por valor de 103 millóns de dólares ─uns 90 millóns de euros─ e a posta en marcha novamente da electrólise en 2024.

O acordo entre Alcoa e o persoal tamén recolle compromisos coas firmas auxiliares da multinacional norteamericana, como a prórroga por tres anos dos contratos de mantemento. 

Porén, como recoñece a Nós Diario o portavoz da coordinadora das auxiliares, Kike Rocha, non todos os empregos das firmas que traballan para Alcoa están ligados a eses contratos, polo que "se os investimentos tardan en executarse, poderían producirse despedimentos". 

Cuestión de tempos

Neste senso, recoñece que é difícil saber cal vai ser o ritmo deses investimentos, xa que nin o comité nin a propia Alcoa deron contas ao respecto. O que si ten claro é que "se os pon a traballar xa (os cartos), haberá emprego para o todo o mundo, mesmo pensamos que non serán suficientes e obrigará as empresas a contratar". "Se non o fai xa, pode ser que periguen postos de traballo", insiste Rocha.

Con todo, admite que por tempo "hai marxe", pero que non é o mesmo que os concentre todos en 2023 a que xa en 2022 encargue algún deses traballos. "Esa falta de información é a que nos mete un pouco de medo sobre o que poida pasar", asegura.

Angustia e incerteza

Nesta mesma liña pronunciábase días atrás o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que falaba de que a veciñanza estaba "angustiada" pola "incerteza" após o comezo da parada das cubas coa chegada do novo ano.

O seu homólogo de Burela, Alfredo Llano, incidía na situación de "incerteza" que xera a suspensión da actividade na factoría até 2024. Aínda así, como sinalou onte a Nós Diario, a afección no concello, onde reside "unha porcentaxe significativa" de traballadores e traballadoras de Alcoa, vai ser "mínima", xa que hai uns compromisos marcados por parte da multinacional.

"Se eses compromisos se cumpren, a preocupación tornarase na ilusión de recuperar a actividade laboral", apunta, unha situación que dista moito da de meses atrás, coa ameaza de feche definitivo sobrevoando a planta, na que "a preocupación era máxima" e repercutía na vida social do concello.

Lonxe do que alertaba a finais de ano a Federación Galega de Comercio, non parece que o emprego noutros sectores vaia verse afectado pola parada de Alcoa, sempre que esta cumpra co pactado no acordo. Cousa ben distinta é a situación de Vestas, que si podería golpear na actividade económica de Viveiro, o concello no que se asenta.

Comentarios