luns 26/07/21

Unha autorización 17 anos despois e un obxectivo no hidróxeno verde

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol destaca que a Xunta aproba unha nova autorización para o funcionamento de Reganosa cando está a piques de saír unha sentenza do Tribunal Supremo que pode invalidar o segundo permiso. Aliás, alerta da intención da compañía por entrar no negocio das renovábeis.
Complexo do grupo Tojeiro en punta Promontorio. (Foto Santiago Amado)
Complexo do grupo Tojeiro en punta Promontorio. (Foto: Santiago Amado)

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol volve pór sobre aviso á poboación polo risco que supón a planta de Reganosa dentro do estuario e moi preto das vivendas, advertindo ademais de que tamén están en perigo a propia ría e a industria contribúe, di, ao cambio climático. Tamén alerta de que a firma, á que acusa de numerosas “irregularidades”, ten previsto obter fondos europeos para introducirse no negocio do hidróxeno verde.

Nun momento no que vén de facerse pública a "vergoñenta" resolución do 29 de xuño da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se outorga a Reganosa, autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta de gas de Mugardos, o colectivo fai fincapé no que ao seu entender foi un entorno  "de corrupción económica e política" o que permitiu esta industria.

"A resolución non causa sorpresa, si a causa, que saia agora cando esta a punto de ditarse a sentenza que con toda probabilidade anulará a segunda autorización, unha casual sincronización entre a xudicatura e a administración", insinúa o grupo.

De feito incide en que logrou comezar a funcionar "sen avaliación ambiental e sabendo que, a súa localización, incumpría a lexislación medio ambiental en vigor". A este respecto, é coñecido que a empresa mesmo tivo que mercar e até derrubar algunhas casas para ter unha mínima distancia da veciñanza.

Localización perigosa

“Todo o proceso administrativo de estivo cheo de irregularidades” e o Grupo Tojeiro optou por estabelecerse "á beira dun complexo pretroquímico que pode almacenar até 300.000 metros cúbicos de líquidos tóxicos e inflamábeis, unha fábrica de colas e unha planta de coxeneración eléctrica que queima fueloil, que trae quimiqueiros que atracan a poucos metros dos gaseiros". O colectivo cidadá destaca estas, entre outras particularidades do lugar de punta Promontorio.

Critica que se "aplicase unha política de feitos consumados", algo que vería referendado por cinco autos do Tribunal Supremo.

"Consigue esta autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, 17 anos despois de que se comezaran a executar as obras de construción e 14 despois de que comezar a operar", reflexiona advertindo que o permiso que ten recorrido antes o Supremo podería invalidar a segunda autorización e, por iso, encaixan os tempos para dar un terceiro permiso.

A segunda, outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy, “resolvera eximir” a empresa de “someterse á avaliación ambiental”, algo que non aceptou o Supremo e que levou á terceira demanda ante a Dirección Xeral de Minas que se resolve agora.

Coa vista posta nos Next Generation

Neste contexto de denuncia, a plataforma alerta de que Reganosa pode dar continuidade aos seus proxectos para Galiza a través dunha partida dos fondos europeos Next Generation.

Ao igual que outras firmas, mais apenas sen causar ruído, a multinacional quere apostar na "produción de hidróxeno verde e outras iniciativas enerxéticas xunto á multinacional de matriz portuguesa EDPR -vinculada a varios parques eólicos no país-, apuntándose á carreira para o negocio "verde" e contribuír a inflar a burbulla do hidróxeno".

comentarios