A automoción rompe a balanza comercial galega

Galiza volve amosar a debilidade do seu sistema produtivo. Cun sector industrial ameazado polos regulamentos, a automoción e o téxtil son os únicos sectores que manteñen a flote a economía galega, e non sen dificultade. Proba diso é que a caída das exportacións de automóbiles fai que, até o mes de novembro, a diferencia entre exportacións e importacións arroxe un saldo negativo de 2.052 millóns de euros, un 44% menos que nos once primeiros meses do exercicio anterior.
Automoción
photo_camera Automoción

O mes de novembro no que aos datos de comercio exterior se refire foi positivo para Galiza. Após varios meses consecutivos de fortes caídas, o volume de exportacións medrou 6,6%, até os 2.110 millóns de euros, un dato só superado por Illes Balears (14,3%) e Euskadi (12,3%). Ademais, a contribución galega á taxa de variación interanual das exportacións no conxunto do Estado español (-0,9%) foi a segunda maior, con 0,5 puntos e 8,4% do total.  

Na Galiza, as principais exportacións no mes de novembro viñeron dos sectores de manufacturas de consumo (29,9% do total e cun crecemento de 5,5% interanual), o sector da automoción (21,4% do total e cunha suba de 60,7% interanual) e bens de equipo (13,4% do total e unha caída de 4,9% interanual). Pero os bos resultados dun mes non abondan para agochar os problemas que arrastra un dos principais sectores productivos da Galiza no conxunto do ano. 

Segundo os datos do informe de comercio exterior de novembro de 2019 publicados polo Ministerio de Industria, entre xaneiro e novembro, a automoción fixo descender bruscamente os datos de exportacións na Galiza. Nos once primeiros meses do ano, o volume exportado acadou os 3.208 millóns de euros, o que representa 12,4% menos que no mesmo período de 2018. O téxtil, outro dos sectores que máis tira da economía, apúntase un descenso de 1,3%, con 6.165 millóns de euros facturados.

Ao contrario do que aconteceu en novembro, nos once primeiros meses do ano Galiza liderou as contribucións negativas a taxa de variación do conxunto do Estado español, con 0,4 puntos e 7,6% do total. 

Balanza en negativo

No período, as exportacións baixaron 4,4% anual. Pola súa banda, as importacións seguiron o camiño contrario e creceron 3,9%. O sector téxtil liderou as subas, 19%, até os 2.256 millóns de euros de facturación, seguido dos bens de equipo (17,5% e 1.869 millóns de euros). As importacións no sector da automoción creceron 6,1%, até acadar os 5.068 millóns de euros. Así pois, a balanza comercial deste sector arrastra nos once primeiros meses do ano un saldo negativo de 1.860 millóns de euros. 

Entre xaneiro e novembro, só Galiza e a Rexión de Murcia presentan un crecemento negativo dos saldos da súa balanza comercial, máis acusado no caso da segunda, xa que cae 74,2%. Pero Galiza tampouco está para moitas celebracións, xa que o saldo entre o volume exportado (20.362 millóns de euros) e o importado (18.316 millóns de euros) foi de 2.052 millóns de euros, 44% inferior ao rexistrado no mesmo período do ano anterior. 

Con todo, hai motivos para o optimismo. Os datos do mes de decembro poderían corrixir en parte esta desviación e axudar a consolidar un cambio de tendencia. A situación industrial pode contribuír en parte, xa que o feche das centrais vai eliminar as importacións de carbón da ecuación, pero tamén pode agravar máis o problema. A delicada situación pola que atravesan as industrias electrointensivas pode condicionar tamén o volume do exportado. 

Mercar para vender

Ante esta situación, as Administracións deben traballar na procura dun modelo que incentive a produción de bens de alto valor engadido, pero o investimento en innovación na Galiza, por baixo do 1% do Produto Interior Bruto (PIB) dista moito de ser determinante. O sector enerxético está a vivir na actualidade un proceso de transición cara fontes de xeración menos agresivas co medio ambiente. No sector da automoción tamén se están a dar cambios neste senso, pero a sociedade e as novas formas de mobilidade xa empezan a dar pistas de que  vai ser un dos seguintes en verse afectado polas transformacións, polo que apostar o crecemento da economía nel é, canto menos, arriscado.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios