A automoción galega prepárase para as curvas

A caída das vendas e o novo regulamento de emisións enche de incertezas un sector que perdeu 1,5% dos empregos o pasado ano.
Planta do Grupo PSA en Vigo (Arquivo).
photo_camera Planta do Grupo PSA en Vigo (Arquivo).

eñen curvas para a automoción na Galiza. O sector afronta este comezo de ano con varias frontes abertas. Dunha banda, a Unión Europea obriga ás fabricantes a non exceder un determinado volume de emisións nos vehículos que producen se non queren enfrontarse a fortes sancións. Por outra, o Brexit, que engade incertezas a un mercado no que as vendas seguen a descender, o mesmo que sucede co emprego no sector, aínda cun lixeiro incremento da produción no último ano. 

En 2019 fabricáronse no Estado español un total de 2.882.360 vehículos, o que representa un exiguo crecemento de 0,1%. O feito de non fechar o ano en negativo débese en parte á confianza dos fabricantes no tecido industrial local, coa asignación de novos vehículos con gran éxito comercial a plantas como a que PSA ten en Vigo, e que sumou recentemente a fabricación do modelo 2008 de Peugeot. Esas novas encargas son as que manterán no presente exercicio a produción en positivo. 

O problema desta caída está en que cada vez véndense menos coches. Segundo os datos facilitados onte polas asociacións de fabricantes (Anfac), concesionarios (Faconauto) e vendedores (Ganvam), o pasado mes de xaneiro vendéronse na Galiza 2.900 vehículos, o que supón 11,9% menos que no mesmo período de 2019. A tendencia á baixa non ten visos de variar. 

Desde Anfac, Noemi Navas sinala como "preocupante" o feito de que as familias opten por vehículos vellos en lugar de mercar un novo, como reflicten os datos do pasado ano, no que as vendas de vehículos de máis de 20 anos creceron 17%. Raúl Morales, de Faconauto, pensa que os obxectivos de emisións xeran "dúbidas" e "desconcerto" no consumidor. De feito, cre que na segunda metade do ano as marcas deberán trasladar ás súas políticas comerciais a súa necesidade de cumprir cos límites de C02, o que vai beneficiar ás consumidoras. Con todo, desde as tres asociacións coinciden en que o mercado seguirá a amosar debilidade nos primeiros meses do ano. 

Caída do emprego

Este escenario trouxo consigo unha diminución do volume de emprego no sector de 1,5% o pasado ano, o que representa 9.100 persoas ocupadas menos en fabricación, venda e reparación de vehículos. A caída, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa, é máis acusada na fabricación de vehículos, de 7,2% en relación a 2018, con 219.100 persoas empregadas.

De momento, esa diminución non se deixou notar na Galiza. Manuel Domínguez, responsábel sindical da CIG en PSA Vigo, recoñece en declaracións a Nós Diario que a planta galega presenta unha "saturación da produción industrial", xa que están activas todas as liñas, con tres quendas cada unha e a posibilidade dunha adicional as fins de semana nunha delas. 
 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios