As autoestradas rescatadas gañan 9% de usuarias

O tráfico nas autoestradas rescatadas polo Estado español medrou 9% no primeiro ano con bonificacións. A rebaixa de prezos que negociaron o BNG eo Goberno de Pedro Sánchez terá un efecto similar en cato sexan efectivos, o que permitirá tamén mellorar a seguridade viaria e a produtividade na Galiza. 
Peaxe AP-9 (Arxina).
photo_camera Peaxe AP-9 (Arxina).

Galiza segue a soñar co día en que percorrer o país por estrada non supoña un desembolso monetario por parte das usuarias das infraestruturas. O acordo entre o BNG e o Goberno de Pedro Sánchez para estender a gratuidade dos traxectos de volta a AP-9, así como para recuperar a súa titularidade, vai supor un paso de xigante nesa vía, que redundará ademais na mellora da seguridade viaria nas estradas convencionais da Galiza, das que desaparecerán moitos vehículos pesados que agora vense forzados a transitar por elas para facer minimamente rendíbeis os seus percorridos.

Pero os cambios no prezo das peaxes tamén van traer como consecuencia un aumento do tráfico na autoestrada, unha medida da que tamén vai sacar tallada Audasa, a concesionaria da  AP-9, que cobra a todas as usuarias da vía, pero que tamén recibe unha compensación do Estado español e a Xunta polas peaxes suprimidas de A Barcala (Cambre) e O Morrazo.

Podemos ter unha idea do que pode supor en materia de tráfico a rebaixa das peaxes nos resultados presentados onte polo Ministerio de Transporte das nove autoestradas de peaxe rescatadas polo Estado español. Segundo os datos facilitados polo departamento que dirixe José Luis Ábalos, estas autoestradas rexistraron un incremento medio do tráfico de 9,3% no seu primeiro exercicio completo após a decisión de rebaixar 30% a peaxe e facelas gratuítas durante a noite. 

As nove autoestradas que quebraron durante a crise foron rescatadas polo Estado español, que as xestiona a través da firma Seittsa. En 2019 contabilizaron unha media de 8.191 usuarias ao día, uns 700 máis respecto ao media de 7.490 tránsitos diarios rexistrados en 2018. Neste balanzo non figuran as autoestradas que remataron o seu período de concesión co feche do ano, como son o treito da AP-7 entre Tarragona e Valencia e entre Valencia e Alicante, e a AP-4 entre as localidades de Sevilla e Cádiz.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios