O aumento de 84% da cota de pescada non alivia o veto da UE á pesca de fondo

O novo límite de capturas de pescada sur estabelecido pola UE non mellora a situación do enmalle e terá unha influencia reducirda sobre o palangre.
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas (no centro), esta segunda feira en Luxemburgo (Foto: Ministerio de Pesca).
photo_camera O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas (no centro), esta segunda feira en Luxemburgo (Foto: Ministerio de Pesca).

No marco dunha reunión en Luxemburgo, os ministros e ministras de Pesca e Agricultura da Unión Europea (UE) decidiron esta segunda feira realizar unha revisión sobre as posibilidades de captura de pescada sur nesta tempada que conclúe en decembro de 2022. 

O acordo, segundo remarcou o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación español, Luis Planas, suporá un aumento na cota para o Estado de 84%, pasando das 4.899 toneladas ás 9.201 nunha das especies "máis valoradas no mercado", destacou o titular de Pesca.

Estas capturas de pescada sur realizaranse fundamentalmente nos caladoiros do Cantábrico e do golfo de Cádiz, nunha decisión que repercute directamente ao redor de 600 buques da frota galega. Planas considerou "tremendamente importante" que se amplíe a cota deste recurso a só dous meses de negociar os Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) e cotas do seguinte ano.

Á entrada na reunión, o ministro indicou que o Executivo estatal ultima o recurso contra o veto da UE á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico entre Irlanda e o golfo de Cádiz, que espera sexa presentado "canto antes" ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), aínda que precisou que ve "moi poucas posibilidades" de que haxa medidas cautelares que suspendan a veda mentres se resolve o asunto nos tribunais.

"A nosa pretensión, [dado que] temos un prazo de dous meses desde o 19 de setembro, é expolo ante o TXUE canto antes, ben fundamentado para gañalo", declarou Planas á prensa á súa chegada a unha reunión de ministros e ministras de Agricultura e Pesca da UE en Luxemburgo.

Así mesmo, o xerente da organización de produtores pesqueiros de Lugo, Sergio López, apuntou esta segunda feira que interporán un recurso contra o veto da UE á pesca de fondo "en prazo", dentro dos 60 días dispoñíbeis a contar desde o pasado 19 de setembro.

Reversión de tendencia nas cotas de pescada sur

A decisión de aumentar a cota de pescada sur está baseada nos informes do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES polas súas siglas en inglés), sinala a Nós Diario o profesor de Economía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Gonzalo Rodríguez. "É moi boa nova, mais chega despois de anos nos que se viñan reducindo as cotas de pescada sur, sobre todo desde 2018, de forma significativa".

Con respecto ao veto á pesca de fondo no Atlántico, o aumento da cota da pescada sur "beneficia máis o arrastre, pero non supón unha mellora para frotas con problemas como a maioría das que usan enmalle, e probabelmente moi pouco ao palangre", explica Rodríguez. "Moitos dos 600 buques que se beneficiarán do aumento da cota da pescada sur serán os de artes menores e baixura", afirma.

"Como non hai informes socioeconómicos do veto, tampouco podemos saber aínda a súa afectación exacta", sinala. En comparación, "aínda que está ben que suba, a pescada sur é un continxente pequeno". Porén, asevera, "aumentar as capturas desta especie, ao ter alto valor engadido, é unha nova relevante para a viabilidade da frota nun momento no que se atopa apremada polo custo do combustíbel e as reducións noutros caladoiros".

Cantábrico e golfo de Cádiz, dúas zonas relevantes e próximas

Os caladoiros do golfo de Cádiz e do mar Cantábrico, onde se prevé que se concentre o aumento das capturas de pescada sur para a frota galega, son zonas importantes para os buques do país, e ademais, atópanse máis próximos que os de outras áreas como o Gran Sol, polo que supoñen unha vantaxe comparativa polo menor consumo de combustíbel, explica a este xornal o economista da USC, Gonzalo Rodríguez.

Comentarios