Aumenta a fenda salarial na Galiza entre as persoas traballadoras mellor e peor pagadas

En 2009 o soldo medio das persoas asalariadas mellor remuneradas equivalía a 66 da parte máis baixa. Agora equival a 75.

salario soldo cartos diñeiro

A crise alargou a fenda salarial entre as persoas traballadoras mellor pagas - unha minoría no total-, e as peor pagas – cada vez máis- . As asalariadas que perciben máis de 10 veces o salario mínimo interprofesional (SMI) son apenas 4.000, un 0,4% do total. Perceben ingresos anuais superiores aos 141.375 euros. En 2009 o salario deste traballador ben remunerado equivalía a 66 da persoa asalariada peor paga. Agora equival a 77. Unha diferenza que aumentou nun 17% nestes anos, ensanchando a fenda entre a minoría que máis cobra e a que menos, tamén nas asalariadas.

E isto nun escenario no que máis do 18% das persoas asalariadas galegas tiveron uns ingresos interiores á metade do SMI, é dicir, por baixo dos 1.900 euros anuais. Esa porcentaxe en 2009 era do 14%, catro pontos menos. E a este grupo hai que engadir que case un 13% das persoas traballadoras ingresaron entre esa metade do SMI e o SMI, un tope de 6.800 euros anuais.

Desde o sindicato CIG consideran que o descenso dos salarios da maioría da poboación asalariada en temos reais, xunto co descenso do número de persoas asalariadas, “explica que as rendas do traballo, como porcentaxe das rendas totais en Galiza, descendesen de maneira significativa durante este período. No ano 2009, representaban o 48% das rendas totais; en 2014 representan o 44,6%. Este baixón das rendas do traballo foi a custa das rendas do capital; estas rendas medraron significativamente, dun 43,6% no ano 2009 a un 45,5% en 2014”. 

Comentarios