Aumenta a venda de bens de luxo, fronte ao empobrecemento popular

A crise económica non afecta a este tipo de produtos. A consultora Bain & Company, fixa o incremento da demanda destes bens nun 10% máis a respecto de 2011.

"A crise non afecta a tod@s por igual". Esta frase, que ás veces semella baleira de contido, non é unha falacia. Após coñecermos que as 100 persoas máis ricas do mundo incrementaran nun 15% o seu patrimonio durante o último ano --chegando a superalo nalgúns casos como o de Amancio Ortega, os índices de consumo de bens de luxo reflicten un aumento notorio no finado 2012.

Neste senso, un informe publicado a finais do pasado ano pola consultora Bain & Company, especializada neste tipo de artigos destinados ás grandes fortunas, asegura que os ingresos do mercado global pola venda destes bens aumenta nun 10% a respecto do mesmo período no ano anterior. Nin a recesión nin as políticas de austeridade --que quedan para as clases populares e as rendas do traballo-- afectan á demanda de marcas como Porsche, cuxo número de automóbiles vendidos batiu récords en 2012 --a marca situou as súas vendas nun 18,7% máis que no anterior exercicio.

Así, unha das autoras do informe, Claudia D'Arpizio, mesmo chegaba a asegurar que "as preocupacións sobre a debilidade do mercado [de bens de luxo] son un pouco esaxeradas", ao tempo que as conclusións tiradas do seu estudo avalaban a boa saúde da que gozan as persoas máis 'afortunadas' do mundo.

En troca, as maiorías sociais ven na queda do seu poder adquisitivo unha realidade ben diferente. Neste senso, amais do empobrecemento dos salarios e das altas taxas de desemprego, a suba dos impostos e do prezo de boa parte dos produtos básicos --electricidade, gas, alimentos...-- fan a fenda entre ric@s e pobres cada vez máis visíbel. 

Comentarios