A auditora de Abanca non garante a certeza das contas da entidade

Os resultados que vén de facer públicos Abanca, isto é, uns beneficios de 440 millóns de euros para o primeiro semestre de 2014, non deixan de ser máis que un exercicio de enxeñaría contábel que mesmamente mereceron unha advertencia da auditora da entidade, neste caso KPGM.


Así, KPGM nun informe que acompaña a auditoría das contas da entidade afirma que “non tivo acceso a toda a información relevante polo que non podemos garantir que as contas da entidade recollan fielmente a realidade do banco”. No mesmo documento continuase advertindo que “ chamamos a atención sobre o feito de que os citados estados financeiros intermedios adxuntos non inclúen toda a información que requerirían uns estados financeiros consolidados completos preparados consoante ás Normas Internacionais de Información Financeira, adoptados pola Unión Europea”.

Abanca libera fondos por valor de 56,2 millóns de euros que en teoría debería provisionar para cubrir a morosidade futura ou a deterioración de activos

Un dos aspectos que deixa ao descuberto esta contabilidade creativa é que Abanca pasa a ser a única entidade de crédito do Estado que xa non só non procede a provisionar para cubrir a morosidade futura ou o deterioración de activos, senón que libera provisións por unha contía de 56,2 millóns de euros en base ao argumento de que provisionara de máis noutros exercizos. Este criterio, que supón unha autentica revolución no panorama financeiro do Estado, non toma en consideración que a morosidade bancaria continúa a aumentar e que o prezo dos activos inmobiliarios aínda non tocaron fondo.

Baixa a cualificación crediticia

As malas novas non rematan aquí para a entidade controlada polo grupo venezuelano “Banesco”, posto que o pasado 27 de Xullo Standard and Poor's e Fitch rebaixaron a cualificación crediticia de Abanca, nun caso de "B+" a "B", e noutro á nota "BB+, que ten a consideración de “bono lixo”, o que dificulta a súa financiación nos mercados internacionais.

Comentarios