A Audiencia Nacional estuda asumir a administración das fábricas de Alu Ibérica

A xuíza vai decidir se a intervención deriva na toma do control das antigas factorías de Alcoa na Coruña e Avilés. As e os traballadores demandan ese paso adiante mentres a empresa rexeita esa posíbel solución baseada en “meras sospeitas”.

Reunión dos representantes de Alu Ibérica co conselleiro Francisco Conde. (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza) #aluibérica #alcoa #intervención #administración #irregularidades #empresa #industria #coruña #audiencianacional
photo_camera Reunión da representación laboral co conselleiro Francisco Conde. (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza)

A Audiencia Nacional podería dar un paso máis para evitar as presuntas irregularidades nas plantas de Alu Ibérica na Coruña e Avilés. Despois de recorrer á intervención hai uns meses e abrir unha investigación sobre a venda por parte de Alcoa e os movementos posteriores, agora a xuíza que leva o caso estuda ordenar a intervención das factorías.

A resolución sairá nuns días e se a maxistrada decide avanzar na xestión da empresa, tal e como levan pedindo as e os representantes dos traballadores desde hai moito tempo, a Audiencia Nacional terá responsabilidade no control e a administración xudicial, facendo a un lado aos actuais xestores.

Para evitar esta opción, na cuarta feira decorreu unha vista na que Alu Ibérica presentou informes para reforzar as súas alegacións para evitar a medida.

O avogado da firma Víctor Mercedes, de Baker McKenzie, asegurou a Europa Press que están en contra de que se determine a administración xudicial sobre a base de "meras sospeitas" de descapitalización, algo que nega.

De feito, asegura que a situación financeira das factorías "mellorou" desde 2018. No entanto, o cadro de persoal detecta unha realidade totalmente contraria e urxe a medida ademais de demandar a implicación do Goberno central.

Mensaxe a Industria

O presidente do comité de empresa da Coruña, Juan Carlos López Corbacho -que hoxe mantivo unha reunión, xunto con outros compañeiros, co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde-, solicitou á xuíza que apure ao máximo ese novo salto na reestruturación desta industria.

Á ministra de Industria, Reyes Maroto, e ao secretario xeral de Industria, Raül Blanco, pediulles que se poñan “á fronte das solucións” e que “aparquen a inacción”.

"Os tempos da xustiza para nós van lentos. A planta non pode seguir nesta situación por máis tempo", garantiu o representante do cadro de persoal de Alu Ibérica. Precisamente a Audiencia Nacional, noutro proceso aberto en relación coas plantas, neste caso por un conflito colectivo que impulsaron os sindicatos, condenou a Alcoa a cumprir os termos dun acordo laboral adoptado co persoal antes da venda a Parter.

En paralelo a todo este proceso, o persoal da fábrica de Alcoa en San Cibrao, na Mariña, continúa á espera de novos avances nas negociacións para a venda a un terceiro a través da SEPI.

Comentarios