venres 30/10/20

Audiencia Nacional condena a 8 anos de cárcere o expresidente de Pescanova Fernández de Sousa

Penas de 6 meses a 3 anos e medio a outros 11 membros de ex cúpula da empresa.
Fernández de Sousa
Fernández de Sousa

A Audiencia Nacional condena a oito anos de cárcere ao ex presidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa-Faro e a penas que van dos seis meses aos tres anos e medio de prisión para outros once acusados da  exc úpula da compañía polas prácticas irregulares que puxeron en marcha co fin de obter financiamento bancario para a empresa e por manipular as contas da entidade para poder captar investidores que acabaron perdendo o seu diñeiro.

Na sentenza, os maxistrados da Sección Cuarta do Penal absolven 7 dos 19 acusados e condenan os outros 12 a penas sensiblemente inferiores ás solicitadas polas acusacións, ao entender que os delitos de falsidade en documento mercantil, estafa,  falseamento de contas anuais e  falseamento de información económica e financeira cometéronse en concurso medial e non poden ser penados de maneira independente.

Ademais das persoas físicas, a Audiencia Nacional condenou, entre outras, as persoas xurídicas Pescanova SA e a  BDO Auditores a penas de multa e a satisfacer diferentes cantidades en concepto de responsabilidade civil que, nalgúns casos, chegan aos máis de 51 millóns de euros polas cantidades que acabaron perdendo algúns dos investidores.

Prácticas irregulares

A sentenza, de 610 páxinas, relata unha serie de prácticas irregulares levadas a cabo desde a dirección de Pescanova, a cuxo fronte estaba o seu presidente executivo e presidente do consello de administración, Manuel Fernández de Sousa-Faro, que contaba coa colaboración dos responsábeis dos departamentos máis relevantes, como o de administración, Alfredo Pérez Uros; o financeiro, dirixido por Antonio  Taboas, e determinados empregados de confianza como José Manuel Gil González ou Angel González Domínguez.

Os feitos probados da sentenza relatan como, como consecuencia da crise financeira que empezou a detectarse en 2008, o presidente da firma galega, co obxecto de poder seguir gozando do financiamento bancario da que dependía Pescanova polo esforzo investidor exercido nos anos anteriores, planeou, xunto cun grupo de persoas da súa confianza, entre os que se atopaban os responsábeis dos departamentos administrativos e financeiro, seguir obtendo financiamento a través dunha serie de mecanismos ou prácticas irregulares con obxecto de seguir obtendo financiamento bancario.

comentarios