Audiencia Nacional absolve Rodrigo Rato e o resto de acusados pola saída a Bolsa de Bankia

Entrada dun edificio de Bankia. (Foto: Rober Solsona / Europa Press).
photo_camera (Foto: Rober Solsona / Europa Press).

A Sala do Penal da Audiencia Nacional acordou absolver os 34 acusados no xuízo pola saída a Bolsa de Bankia, entre eles o  ex presidente da entidade e do FMI, Rodrigo Rato, por delitos de estafa aos investidores e falsidade contábel.

A sentenza destaca que a saída a Bolsa contou coa aprobación de todos os supervisores -Banco de España, CNMV,  FROB e EBA-, que o folleto contiña unha "ampla e certeira" información financeira e non financeira e destaca que no xuízo só se expuxeron actitudes xenéricas dos acusados e non actos concretos.

A sentenza, de 442 páxinas, lembra que a fusión das caixas de aforro que acabou  converténdose en  BFA foi impulsada polas autoridades económicas e financeiras, “as cales exerceron unha forte presión para que se acometesen procesos de integración no sistema financeiro español, co obxectivo de lograr a curto prazo reforzar a solvencia e incrementar a capacidade de soportar escenarios de extrema morosidade no marco dunha forte deterioración do ciclo”.

Tras a creación de  Bankia decidiuse a súa saída a Bolsa e segundo a sentenza esta tivo a aprobación de todas as institucións “tanto a decisión de saír a Bolsa como a determinación de facelo coa estrutura de dobre banco foron resolucións enteiramente contempladas polo Banco de España, que ademais as aprobou despois de calibrar as vantaxes e os inconvenientes que ditas decisións implicaban”.

Considera “evidente a todas luces” que o proceso  foi intensamente supervisado polo Banco de España, a CNMV, o  FROB e a EBA, contando en definitiva coa aprobación de todas as Institucións.”

Comentarios