Audasa espreme as peaxes da AP-9

As peaxes da principal vía de comunicación da Galiza, a autoestrada AP-9, volverán subir en 2019 por riba da media do sector, encarecendo a viaxe entre Ferrol e Tui para todas as usuarias da infraestrutura. 
Peaxe da AP-9. (Itínere)
photo_camera Peaxe da AP-9 (Itínere)

Mentres se resolve o futuro da súa titularidade, Audasa, a concesionaria da Autoestrada do Atlántico, volve practicar a partir deste 1 de xaneiro unha nova suba das peaxes para as usuarias da AP-9, a vía de 219 quilómetros que vertebra Galiza de norte a sur, entre Ferrol e Tui. 

Como cada ano, atendendo á variación que recolle a fórmula de revisión automática pactada polo Goberno de Mariano Raxoi en 2002, as peaxes das autoestradas dependentes da Administración Xeral do Estado español subirán de medida o vindeiro exercicio 0,84%. No caso da vía galega xestionada por Audasa, a esta suba hai que engadir outros dous conceptos que a sitúan como a autoestrada que máis incrementará os seus prezos en 2020. Trátase dun 1% adicional para que a concesionaria recupere os 227,2 millóns de euros que investiu nos traballos de ampliación da ponte de Rande, o aumento do número de carrís na circunvalación de Santiago e o enlace con Sigüeiro e, xunto con esta partida, a compensación pola gratuidade na viaxe de volta no mesmo día no treito entre Pontevedra e Vigo, que pagan todas as usuarias.

 Nos seis primeiros meses do ano, Audasa ingresou por este concepto 71,4 millóns de euros.

A de 2020 será a derradeira anualidade na que se incorpore este último concepto, introducido en 2013. Porén, as contías correspondentes ás ampliacións de Rande e Santiago, que se comezaron a abonar en 2018, seguirán engrosando os prezos das peaxes até 2038, a non ser que se produza o tan demandado desde Galiza cambio de titularidade, promovido polo BNG no Parlamento galego, e que abriría a porta a abaratar e mesmo suprimir as peaxes nesta autoestrada, ou cando menos negociar con Audasa a modificación das fórmulas de revisión do prezo das mesmas. 

Os beneficios de Audasa

As peaxes da AP-9 son a principal fonte de ingresos da concesionaria da vía. Nos seis primeiros meses do ano, Audasa ingresou por este concepto 71,4 millóns de euros. Isto permitiulle acadar entre xaneiro e xullo un beneficio neto de 18,7 millóns de euros, 17,5% máis que no mesmo período do ano anterior, precisamente grazas aos incrementos de prezo nas peaxes, que non foron proporcionais ao aumento do tráfico. Mentres que o volume de tráfico subiu 2%, os prezos fixérono 3,5%, segundo recoñeceu a propia compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMC).

Os beneficios de Audasa foron esta segunda feira o branco das críticas da portavoz do BNG. Ana Pontón lembrou que desde 1977 as peaxes da AP-9 aumentaron 1.800% e que desde que Audasa ten a concesión recadou 2.500 millóns de euros. De continuar con esta progresión, en 2048, cando finalice a concesión, os ingresos polas peaxes da concesionaria acadarán 14.500 millóns de euros. Na súa intervención, Pontón tamén alertou de que 22.000 usuarias carecen de alternativa ante esta suba, que será especialmente dolosa para as transportistas. Puxo como exemplo que un camioneiro que cubra a dúas veces ao día a ruta entre A Coruña e Vigo deberá desembolsar 2.833 euros en peaxes, unha cifra que lastra as economías e a competitividade das empresas e os sectores produtivos da nazón. 

De confirmarse, a suba das peaxes da AP-9 ao comezo do ano sería de 2,6%. Así, as persoas que realicen o traxecto entre A Coruña e Vigo pasarán a desembolsar 16,85 euros (0,45 euros máis que agora). En todo o traxecto, entre Ferrol e Tui, as peaxes custarán 22,1 euros (0,55 euros máis). No caso dos transportistas, a suba será maior. Pagarán case un euro máis (0,95 €) por cubrir a ruta entre A Coruña e Vigo, e 1,25 euros se o fan entre Ferrol e Tui. Neste último suposto, o traxecto suporá un gasto de 48,35 euros en peaxes, unha cifra que ronda os cen euros nos traxectos de ida e volta. 

Comentarios