Audasa enche os petos na Galiza a conta de Renfe

A entrada da Galiza na fase 3 trouxo consigo un aumento da mobilidade interior no país como consecuencia do fin das restricións aos movementos interprovinciais. Porén, os servizos ferroviarios non adaptaron a oferta á nova realidade, o que beneficia Audasa, concesionaria da AP-9, que ve medrar o seu tráfico en 25%. 
Peaxe AP-9 (Arxina).
photo_camera Peaxe AP-9 (Arxina).

O paso da Galiza a fase 3 e a conseguinte liberdade de movementos dentro do país supuxo para moitas persoas a volta aos seus postos físicos de traballo, que nalgúns dos casos se atopan lonxe da súa localidade de residencia habitual. O problema é que as alternativas de transporte das que dispoñen son máis reducidas que antes da pandemia, en especial en determinados medios de transporte.

É o caso de todas as traballadoras que adoitaban coller o tren para os seus desprazamentos e que ven como Renfe mantén unicamente 30% das frecuencias que ofertaba antes do decreto do estado de alarma, o que impide  á compañía pública cubrir todas as franxas horarias. 

Esta situación, á parte de facer que os escasos trens que comunican as distintas cidades galegas realicen os seus percorridos ao 100% da súa capacidade, algo que só é posíbel desde a entrada na fase 3, provoca que non poucas galegas teñan que botar man do vehículo privado para poder chegar aos seus postos de traballo no horario acordado coa empresa.

A consecuencia directa é un aumento do tráfico nas principais estradas da Galiza. Estes días é frecuente percibir unha maior densidade de tráfico nas principais vías de acceso ás cidades, e tamén en estradas como a N-550, que une A Coruña con Tui e que vertebra boa parte do territorio galego. 

A alternativa de pago é a autoestrada AP-9, que tamén viu medrar o tráfico nestes primeiros días na fase 3. Fontes de Audasa, a concesionaria da autoestrada, consultadas por Nós Diario estiman nun 25% o incremento do tránsito de vehículos esta segunda feira con respecto ao mesmo día da pasada semana. Son 16.000 vehículos os que circulan de media cada día pola AP-9, o que supón 6.000 máis que a do mes de maio, no que se contabilizaron 10.054 vehículos de media ao día. Con todo, desde a concesionaria apuntan que as cifras actuais de densidade de tráfico aínda son 30% inferiores ás do mes de xuño do ano pasado.

Fin do estado de alarma

A pasada cuarta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou a súa intención de levantar o estado de alarma na Galiza a partir do 15 de xuño. Pero Renfe non ten pensado de momento mudar a súa decisión de manter no 30% da oferta anterior os servizos de trens Avant e Media Distancia, unha situación que deixa centos de galegas sen este servizo e favorece que Audasa siga a encher os petos cos cartos das peaxes.

Os plans de Renfe, que de momento prefire non desvelar se vai adiantar o aumento de frecuencias, pasan por recuperar os servizos de Media Distancia a partir da semana seguinte, o 22 de xuño, sen ter en conta a demanda real, que agora mesmo non se axusta á oferta. 

Ente ferroviario propio

Esa falta de resposta ás demandas das galegas ten a súa razón de ser en que as decisións sobre a planificación adóptanse en Madrid. Ademais, Galiza é dos poucos territorios que non conta con servizos de proximidade, o que limita aínda máis as posibilidades de mobilidade. 

Ante esta situación, non son poucas as voces que exixen a creación dun ente ferroviario propio para a Galiza que permita xestionar desde o país os servizos que se ofertan á cidadanía.

A creación deste ente, que mesmo anunciou en 2009 o entón conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do primeiro Executivo de Feixoo, Agustín Hernández, eliminaría a dependencia de Madrid na toma de decisións e tamén remataría cos importantes agravios comparativos que se están a producir entre territorios.

Diferenza de criterio

A actual situación, á parte de provocar un menor volume de ingresos para a operadora ferroviaria pública, discrimina as usuarias galegas fronte as doutras partes do Estado español. 

Sen ir moi lonxe, en Asturias Renfe decidiu recuperar a actividade dos trens de Cercanías  xa o 11 de maio, iso si, con certas restricións na capacidade dos  mesmos para garantir o distanciamento social. 

A operadora desmarcábase así das medidas decretadas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana respecto dos servizos básicos, que son os que marcan a redución de 70% nos servizos Avant e Media Distancia e, ao igual que en Asturias, levou dita adaptación dos servizos á demanda real a outros territorios sen agardar á fin do estado de alarma. 

Pola contra, na Galiza pódese dar a circunstancia de que, xa fóra do estado de alarma, os servizos de Renfe disten moito da situación anterior. É o prezo de non ter voz na xestión.

Comentarios