CONFLITO LABORAL

Atento impón reducións de xornada a 180 traballadoras

A medida supón un recorte de até cinco horas semanais e unha baixada salarial duns 100 euros mensuais

O Comité de Atento A Coruña vén de informar da interposición de demanda de conflito colectivo contra a empresa para reclamar a nulidade das reducións de xornada impostas a preto de 180 traballadores/as que xa tiñan xornadas parciais. A decisión do Comité veu motivada pola negativa da empresa a chegar a un acordo durante o acto de conciliación.

No comunicado emitido polo Comité de Atento A Coruña sinálase: “O 2 de maio tivo lugar o preceptivo acto de conciliación entre Atento (filial de Telefónica) e o Comité de empresa, motivado polas reducións de xornada que a empresa aplicou a principios de abril a preto de 180 traballadores/as do servizo técnico de banda ancha de Telefónica (CAT ADSL-1002). Recordamos que Atento reduciu inxustificada e unilateralmente as xornadas dos traballadores/as afectados até en 5 horas semanais, o que equivale a unha baixada salarial duns 100 euros ao mes nuns salarios que roldan os 800 euros mensuais.O Comité de empresa volveu esixir a retirada da medida a Atento por tratarse de reducións inxustificadas e, en calquera caso, evitábeis. De novo Atento non quixo chegar a acordo, co que o mesmo día a representación legal dos traballadores/as interpuxo demanda de conflito colectivo reclamando a nulidade das reducións de xornada.O Comité de empresa denuncia, unha vez máis, a prepotencia de que fan gala Telefónica e Atento cando se trata de agredir e recortar os dereitos dos seus traballadores e traballadoras”.

Comentarios