Até 1.500 persoas reclaman en Marín o retorno da flota cefalopodeira galega a Mauritania

Os barcos dos mariñeiros galegos foron expulsos dos caladoiros do país africano e fican amarrados desde finais de xuño. Reclaman que os gobernos galego e español medien coa UE para renegociar un novo acordo pesqueiro "que nos deixe traballar"

photo_camera [Imaxe: GIG-Mar]


Os armadores e mariñeiros da flota cefalopodeira que faenaban en Mauritania veñen de colleitar un importante apoio na manifestación que realizaron esta sexta feira en Marín. 

Máis de 1.500 persoas percorreron as rúas da localidade queixándose de que "nin na terra nin no mar, non nos deixan traballar". E é que segundo informou o responsábel de CIG-Mar e voceiro dos traballadores, Xavier Aboi, recentemente tivo lugar unha reunión secreta en Bruxelas na cal o país africano rexeitou que os barcos galegos voltasen faenar nas súas augas. 

A chave para os barcos galegos que andan ao polbo está na xuntanza que na cuarta feira, día 29, manterá no Parlamento europeo a comisión de pesca. O obxectivo é que se rexeite o protocolo vixente como condición previa para que Mauritania acepte negociar. Malia non poder asegurar que sexa este o decorrer dos acontecementos, Aboi si que agradeceu "que os nosos eurodeputados non nos fallen", e citou a Ana Miranda (BNG), Gabriel Mato (PPdG) e Antolín Sánchez Presedo (PSdG), a quen pediu que "convenzan" ao resto da Eurocámara da necesidade de defender "a nosa flota, as nosas empresas e os nosos postos de traballo". 

Así mesmo, Aboi voltou pedir a colaboración do PP, á fronte dos gobernos galego e español, para interceder entre a Unión Europea e Mauritania de cara a pechar un acordo que permita o regreso ao caladoiro africano. Na liña, Ainhoa Castro, filla dun mariñeiro no desemprego, leu un enérxico manifesto en que relataba como lle cambiara a vida "porque a meu pai non o deixan traballar". 

Alén dos mariñeiros e da representación sindical houbo tamén notábel representación política: canda @s eurodeputad@s Miranda e Sánchez Presedo camiñaron tamén a deputada nacionalista no Congreso Olaia Fernández Davila, o secretario de organización do BNG Bieito Lobeira ou @s deputad@s no Parlamento galego Francisco Jorquera e Daniel Rodas (BNG), Carmen Gallego (PSdG) e Juan Fajardo (AGE). Aliás, tamén se mobilizaron @s rexedor@s de Marín, Bueu, Cangas, Moaña e Pontevedra. 

Comentarios