As asociacións de consumidoras recomendan anticipar as compras

Actuar rápido axuda a esquivar a suba dos prezos.
As grandes superficies comerciais teñen máis marxe de manobra que o pequeno comercio. (Foto: Europa Press)
photo_camera As grandes superficies comerciais teñen máis marxe de manobra que o pequeno comercio. (Foto: Europa Press)

Os prezos aumentaron en outubro 5,7% respecto ao mesmo mes do ano anterior. Esa diferencia, máis acusada nos carburantes e na enerxía, tamén está a condicionar os hábitos de compra das galegas e os galegos, que prefiren adiantar as súas compras para despois non levar sorpresas de última hora.

No caso dos produtos do mar, moi demandados nas datas de Nadal, xa se está a notar ese incremento, até o punto de que "moitas familias non poderán dispor de produtos habituais do Nadal porque o peto vaino impedir", advirte o portavoz da Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal), Miguel López.

Ante esta situación, o presidente de Facua na Galiza, Víctor Muñoz, insiste na importancia, máis acusada este ano que en anteriores ocasións, de planificar e anticipar compras. Tanto el como Miguel López suxiren realizar unha listaxe do que se desexa adquirir para evitar así as compras compulsivas, e máis agora que o aumento da demanda após meses de consumo retido está a contribuír a incrementar uns prezos que xa repercuten en moitos dos casos o encarecemento dos custos de produción, nomeadamente dos da enerxía. 

Estes dous organismos avisan tamén sobre o risco de que a alza dos prezos se prolongue e mesmo chegue unha segunda onda de inflación, o que podería influír no consumo interno que, como lembran, é un dos motores que está a manter o crecemento da economía na actualidade, especialmente na Galiza. 

Neste senso, o responsábel de Facua, Víctor Muñoz pide as autoridades que asuman tarefas de inspección, pois entende  que debe existir un "control administrativo" dos prezos. "Teñen que vixiar que as empresas non se estean aproveitando destas circunstancias", resalta.

"Todo se está a repercutir ao de sempre, ao consumidor, ao que os salarios non lle aumentan nin moito menos na mesma medida", lamenta pola súa banda Miguel López.

A este respecto, representantes do Consello Galego de Economistas ou do centro de estudos de BBVA xa avisaron do  risco de "conflitividade laboral" nos próximos meses pola exixencia de adecuar soldos á inflación.

Menos gasto en ocio

Unha das consecuencias do encarecemento dos prezos e da perda de poder adquisitivo das galegas e os galegos é que cada vez saen menos a cear fóra da casa ou a desfrutar dun espectáculo, ou calquera outra actividade de ocio.

Unha familia galega con catro membros, calculan desde a Ucgal, está a gastar só en produtos básicos como carne, peixe, lácteos e algún envasado, uns 600 euros ao mes. "Isto fai que o escenario sexa complicado", recoñece Miguel López.

Ante isto, insiste en que a reacción do cidadán é a "sempre recomendábel planificación das compras" e tamén un "uso máis responsábel dos alimentos", para evitar o desperdicio.

Do lado do comercio, o responsábel da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, augura compras "máis moderadas" ás que se poderían esperar pola inflación e o aumento do custo da vida por outros motivos como o incremento das cotizacións dos autónomos.

Outro dos elementos que está a pasar factura ao comercio de proximidade, indica, é o adianto das compras polo denominado 'black friday', sobre todo porque estes estabelecementos teñen "unhas marxes moi limitadas" para competir con este tipo de campañas agresivas.

Comentarios