A Asociación Galega de Viticultura analizou na súa Asemblea Xeral o impacto da pandemia no sector

A xuntanza serviu para debater e definir novas liñas de traballo.

ribeiro

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) realizou esta fin de semana en Ribadavia  a súa Asemblea Xeral, na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro.

Un encontro no que estiveron presentes representantes dos diferentes territorios vitícolas da Galiza e no que se analizou, a situación do sector, tanto no seu conxunto como de cada zona vitivinícola en particular.

“A actual situación do sector está claramente marcada pola crise sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19, cos descensos das vendas tanto no mercado interno como no exterior”, indican desde a AGV.

Con todo, acrecentan, a Asemblea Xeral tamén centrou o debate nos pasos que se deben dar a curto prazo, “e que serán cruciais para a recuperación do sector e para sentar as bases do futuro do viño galego”.

A captación de fondos Next Generation enténdese por parte dos viticultores e viticultoras como unha oportunidade “fundamental” para pór en marcha proxectos e iniciativas transformadoras que lle dean un pulo a nivel tecnolóxico e formativo ao sector.

Na apertura da sesión estivo presente Manuel Casares, presidente da DO Ribeiro, “a Denominación de Orixe con máis tradición”, e que explicou que este sector está nuns momentos moi difíciles, “estase xogando o seu futuro”.

Roberto Rivas, Presidente da AGV subliñou a idea de manter a exixencia á Consellaría do Medio Rural para que “traballe polos intereses de todo o sector tendo presentes todos os territorios vitícolas e todos os axentes involucrados na produción e elaboración, e que deixe de facer políticas para a galería e para as grandes multinacionais”.

Rivas tamén recalcou a importancia que terá unha boa e acertada xestión dos fondos Next Generation para o futuro do sector e sinalou que "o futuro do viño galego ten que pasar necesariamente por conseguir ligalo aos conceptos de calidade e de tradición".

Comentarios