Os asalariados galegos perderon 1.211 millóns de euros na crise e as empresas gañaron 523 millóns

Un informe da UXT aponta a un “claro trasvase” no que saen gañando “as rendas empresariais”.

traballo obreiro traballadores emprego

A crise non a sofren nin pagan todos, hai quen perde e hai quen gaña. E por unha diferenza moi abultada. Un informe da UXT sinala que desde 2007 en Galiza as persoas asalariadas perderon 1.211 millóns de euros mentres que as empresas gañaban 523 millóns. “O traballadores foron os grandes perdedores dunha crise que eles non xeraron e en que as grandes culpables desta situación que se describe foron as reformas laborais e da negociación colectiva”, denuncian desde o sindicato socialista.

Unha aproximación ao reparto da riqueza, cunha desagregación do PIB en termos de renda, reflicte que se no ano 2000 o conxunto da poboación asalariada percibía en Galicia o 46,5 por cento do PIB e o empresariado o 43,4 por cento, pasados 15 anos, dáselle a volta a esta situación. A poboación asalariada percibe o 44,5 por cento do PIB pero é que no caso dos empresarios sube ata o 45,3 por cento.Se se compara o montante total destinado ás persoas traballadoras nos anos 2007 e 2015 obsérvase unha diminución do 4,6 por cento, mentres que os excedentes aumentan un 2,1 por cento. En termos absolutos, os salarios perden 1.211 millóns de euros no período de crise e os excedentes gañan 523 millóns de euros.

UXT indica, ademais, que nunha fase de “expansión económica” como a que se vive a partir do ano 2014 os salarios seguen sen medrar. A actividade aumenta, medra o emprego “mais a mala calidade do mesmo e o deterioro das condicións laborais que produciron as reformas do 2010 e do 2012 fan que os salarios non aumenten en consonancia”.

Comentarios