As protestas d@s traballador@s levaron ao alcalde de Vigo a suspender o pleno

O pleno tivo que se suspender
photo_camera [Imaxe: SG]

As protestas que @s traballador@s das contratas do Concello de Vigo volveron levar ao pleno municipal obrigaron máis unha vez a o suspender.

Malia os filtros impostos desde a alcaldía que rexenta Abel Caballero (PSOE) a través dunha "lista negra" en que figuraban os nomes de todas as persoas que fixeron parte das mobilizacións da segunda feira, ás portas da casa consistorial déronse cita á primeira hora desta mañá obreir@s que non estiveron na primeira protesta e que puideron acceder ás dependencias municipais "até rebentar o pleno".

Desde fóra, a secretaria comarcal de CIG-Servizos, Tránsito Fernández, e o representante d@s traballador@s do Marco, Pedro Pérez, atenderon a chamada deste xornal. A entrada ao Concello foilles vetada a amb@s as dúas, en virtude dun decreto asinado polo rexedor "que non nos queren ensinar". Cualificaron o impedimento de acceder "a un edificio que é público" como unha decisión "totalmente inconstitucional" e "impropio" dunha Xunta de goberno que refusa recibir as centrais sindicais "e que nos nega o dereito a replicar".

Despedimentos improcedentes e represión sindical

Segundo a información transmitida pol@s dúas sindicalistas, @s obreir@s mobilízanse polo recorte dun 20% na partida orzamentaria que o Concello destina ás contratas, recorte que carrexará, en consecuencia, unha redución tamén do 20% na prestación de servizos e no cadro de persoal.

Porén, aliás desta cuestión, colocaron riba da mesa as sentenzas xudiciais a favor que acumulan @s traballador@s despedidas. A última, do Tribunal superior de xustiza da Galiza, declara "improcedente" a posta na rúa dunha empregada ao ter asinado con ela o IMD (Instituto municipal do deporte) un contrato de relevo, polo que a empresa fica condenada a pagar o conxunto da indemnización, que ascendería a 15 mil euros. "Viremos todas as veces que faga falta até que o Concello deixe de amparar a precariedade", apuntou Tránsito Fernández, recordando que o goberno local que lidera Caballero ten cinco conflitos laborais pendentes de resolver.

Un recorte de 200 mil euros no orzamento é o que afectou ao Museo de arte contemporánea de Vigo, o Marco, que carrexou o despedimento de cinco gardas de seguranza e de tres traballadoras da limpeza que perderon tamén a xornada completa. Os sindicatos responsabilizan desta tesourada ao Concello de Vigo e á Deputación de Pontevedra. Outro conflito está no IMD, cuxo xuízo polo despedimento de 11 traballador@s se realizará nas vindeiras semanas. "Pedimos que se declaren nulos", apuntou Fernández, suposto en que o goberno municipal debería pagar as indemnizacións.

A contrata para a recollida do lixo e xardíns, FCC e Cespa, iniciarán proximamente as negociacións para o convenio colectivo, proceso marcado polas reducións que ambas empresas pretenden tanto na contratación como nas condicións laborais. E a contrata de cemiterios e limpeza das dependencias municipais "está a piques de saír, e leva así seis meses", comentou a sindicalista da CIG en referencia ao atraso na resolución do concurso público. Respecto da limpeza nos centros de ensino, "continúa a represión laboral" nun servizo que ten adxudicado a empresa Linorsa.

Comentarios