As operarias da conserva, cansas dos incumprimentos da Xunta

Cunha sentada simbólica perante o concello de Cambados, as traballadoras de Alfageme exixen á Xunta solucións xa para garantir os empregos e a actividade desta factoría
Operarias de Alfageme
photo_camera Operarias de Alfageme

Fartas dun conflito que se prolonga desde hai tres anos e que se non tivo aínda solución foi por falla de vontade política. As traballadoras da conserveira Alfageme retomaron, máis unha vez, as mobilizacións. Desta volta cunha asentada simbólica no concello de Cambados, protesta que nos seguintes días trasladarán a outros concellos da comarca do Salnés cuxos alcaldes, do PP, lembra Rosa Abuín da CIG, participaron hai un mes nun "paripé con conselleiros que viñan vender que o de Alfageme xa estaba solucionado". E non é tal.

Abuín lembra que se está a perder un tempo precioso para retomar a actividade e garantir os 130 empregos desta conserveira, sometida durante meses a un proceso concursal. A Xunta avalou con máis de 30 millóns á antiga propietaria, a familia Lago, e só accedeu a executalos despois de tres meses de mobilizacións e protestas das traballadoras desta conserveira.

A consellaría de Industria pagou eses 33 millóns de avais aos bancos, "mais agora anda liando con non sei que procesos, e dando atraso tras atraso, e nós exiximos unha solución xa". Abuín lembra que hai unha oferta, dos cántabros de El Consorcio, por Alfageme, na cal se comprometen (e así o fixeron perante os sindicatos) a manter a actividade e os postos de traballo.

Comentarios