luns 03/08/20

As librarías galegas non subirán o IVE no inicio do curso

A Federación de Libreiros de Galiza decidiu non aplicar a subida do IVE ao material escolar até o 15 de outubro, unha vez pasado o inicio do curso. Unha medida que toman despois de comprobar que se estaban a facer mercas masivas para evitar o pagamento da subida imposta polo goberno do 4 ao 21%.
As librarías galegas non subirán o IVE no inicio do curso

Arredor do 95% das librarías galegas se estima que non subirán o IVE do material escolar a comezos do curso.Mediante un cartel identificaranse os establecemenos que se acollan a esta recomendación da Federación de Libreiros de Galiza.

A entidade que agrupa a representantes das librarías galegas sinalou que chegan a tomar esta medida unha vez se detectou a compra masiva de material escolar co fin de fuxir da suba imposta polo goberno. As librarías asumirán a suba até o 15 de outubro, unha vez pasado o periodo de volta ao colexio. A aplicación do 4 ao 21% do IVE realízase en todo o Estado pero a federación galega é a primeira que exime aos seus clientes do pagamento ate un mes e medio despois do que tería que ser a súa aplicación.

Despois de dar carpetazo á gratuidade dos libros de texto, a noticia da eliminación da redución do IVE dos materiais escolares como libretas, folios ou bolígrafos provocara o malestar das persoas máis afectadas, de maneira especial, as agrupacións de anpas.

A través da deputada Carme Adán, o BNG presentara en xullo no Parlamento Galego unha interpelación na que instaba ao goberno de Feijoo a valorar o impacto social e económico da subida do IVE nos materiais escolares e demandaba actuacións para frear as consecuencias no inicio do curso. Reclamaba do goberno de Feijóo que non se aplicara a medida e que, de non “ter valentía para o facer” que desenvolvera actuacións encamiñadas a que nenos e nenas que vivan en casas con dificultades económicas podan acceder ao material escolar preciso para o novo curso. O goberno de Feijoo non anunciou ningunha das dúas posibilidades e é agora a Federación de Libreiros a que decide tomar a decisión de librar á familia da subida do IVE a inicios do curso.

comentarios