As demandas d@s estafad@s polas preferentes chegarán ás portas da residencia de Feijóo

Compostela acollerá este sábado unha nova manifestación d@s estafad@s polo calote das preferentes e subordinadas. Unha mobilización que terá como ponto final a residencia oficial do presidente da Xunta e que conta co apoio da oposición, sindicatos e varios concellos

Até a propia porta da residencia de Feijóo. Aí chegarán este sábado @s afectad@s polo calote das preferentes que participen na manifestación convocada para exixir "a devolución do 100% do aforro". A mobilización está convocada polas plataformas de afectad@s e conta co apoio das forzas da oposición, sindicatos e unha ducia de concellos. A protesta partirá ás 11:30 da Alameda compostelá.

A manifestación vén ser máis unha das múltiples accións que están a desenvolver, e sen tregua, as plataformas de estafad@s neste calote, pola volta de 90.000 en Galiza. Mobilízanse contra a quita que lles aplican a estes aforradores para pagar o rescate da banca e tamén contra a canxe, "porque é outra estafa". Exixen que se lle devolva a totalidade do investido.

"Que non enganen"

Os e as afectadas consideran que, alías de seren enganadas polas entidades bancarias, están a ser abandonados "e expoliados" tanto polo goberno central como polo autonómico. E non están dispostos a ficar de brazos cruzados. Así, sucéndese nestas semanas peches en concellos, concentracións perante oficinas bancarias, ou diferentes protestas de todo tipo, folga de fame incluida.

A canxe das preferentes de NCG banco comezará en breve e prolongarase até finais de febreiro. Unhas semanas nas que @s estafad@s poderán recuperar o 60% do investido, pois o 40% rescate é a quita imposta por Bruxelas para pagar o custo do rescate da entidade. Mais desde as plataformas alertan de que se esté intentando dar a imaxe de que o problema das preferentes está solucionado. "É mentira. Exiximos que nos devolvan o 100%. Non pode ser que se permita este roubo e os gobernos non fagan nada", denuncian.

"Lavado de cara"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei na Cámara Baixa que insta ao Goberno a aprobar un mecanismo que garanta no primeiro trimestre de 2013 a devolución íntegra dos aforros ás persoas estafadas pola comercialización de participacións preferentes.

A deputada do BNG lembra que o pasado 28 de xaneiro o PSOE e o PP anunciaban un acordo sobre as preferentes. Un acordo, di, que parte da creación dunha comisión de seguimento que decida o perfil de cliente que poida ir á arbitraxe para recuperar o 100%. Máis, subliña Davila, “a Comisión que propoñen PP e PSOE só tería un papel informativo e consultivo”.

Comentarios