SUBVENCIÓNS DA UE

As axudas da PAC: a duquesa de Alba, arcebispados, grandes firmas agroalimentarias e até unha central nuclear

As subvencións destinadas a modernizar e potenciar o agro do Estado español foron en 2011 a destinatarios do máis “pintoresco”

Nobreza, clubes de golf e tiro, arcebispados e conventos, grandes firmas agroalimentarias, adegas, sagas familiares e até unha central nuclear figuran como perceptores de axudas da Política Agraria Común (PAC), segundo se desprende dos últimos datos oficiais feitos públicos pola axencia EFE. As subvencións refírense ás axudas da PAC: Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e de Desenvolvemento Rural (Feader) durante 2011, aos que hai que engadir apoios económicos en capítulos tan variados como a promoción, restitución ás exportacións, reestruturación de sectores agrarios, etc.... Varias empresas -vencelladas á Casa de Alba, segundo fontes do sector agrario- recibiron en 2011 máis de 3 millones de euros.

Mais a nobreza non é a única beneficiada. Así, a igrexa tamén acumula varias axudas da PAC, como as Franciscanas Clarisas de Santa Clara en Medina de Rioseco (Valladolid), con 54.018 euros. Entre os perceptores atípicos está o club deportivo tiro con arco (Carabeo de Sasamón, Burgos), con 4.145 euros. E entre as grandes compañías agroalimentarias, reciben fondos comunitarios Campofrío, Pascual, Siro e Gullón. Nalgúns casos, as achegas económicas chegan aos catro millóns de euros. Aproximadamente uns 7.839 millóns de euros chegan cada ano ao campo do Estado español procedentes da Unión Europea, segundo datos de 2011.

Comentarios