Arturo Dopico, ex de R, ficha por unha firma de telecomunicacións de Portugal

O ex conselleiro delegado de R regresa ao sector das telecomunicacións da man da portuguesa Nowo/Oni, participada por MásMovil.
2019110815092359233

Despois da súa saída da empresa galega de telecomunicacións R tras a compra por parte de Euskaltel, Arturo Dopico recupera o posto de conselleiro delegado, desta vez do operador portugués Nowo/Oni, participado polo Grupo MásMovil.

Dopico, que desaparecera despois de 18 anos no cargo, chega á firma lusa acompañado doutros dous ex directivos da firma galega. Trátase de Pablo Iglesias e Paco Rodeiro, que pasan a formar parte da equipa directiva nos postos de director financeiro e director de planificación estratéxica, respectivamente.

A herdanza de R

Nun comunicado, o operador destaca que a volta ao sector destes tres directivos “é de vital importancia para a nova etapa de Nowo/Oni, xa que foron capaces de xerar máis de 1.000 millóns de euros de valor e facer de R o operador integrado cos clientes máis satisfeitos”. Agora, R non atravesa o seu mellor momento, xa que Euskaltel, o novo propietario, ten pensado desfacerse da rede galega de cable e ten en marcha varios procesos de deslocalización do persoal e das empresas auxiliares que lle prestaban servizo.

Pola súa banda, Dopico amosouse “encantado” de poder sumarse a un proxecto “atractivo e retador” que pasa por converter a empresa nunha das referencias no sector das telecomunicacións en Portugal.

Comentarios