A primeira xornada do VI Congreso da CIG conclúe con acordos case unánimes

O plenario aprobou o Informe de Xestión refrendado co 87% dos votos e só 5 en contra. Resultaron tamén refrendados os relatorios de organización e de acción sidical e as modificacións estatutarias con máis do 90% do apoio. Mañá, domingo, terán lugar as votacións e a sesión de clausura.Vídeo no interior.

VI Congreso CIG
photo_camera [Imaxe: CIG]


O acordo case unánime foi a tónica dominante que marcou o desenvolvemento da primeira das dúas xornadas do VI Congreso Confederal da CIG, que se realiza no Pazo de Congresos de Compostela. No decorrer do debate varias intervencións salientaron o "tono moi construtivo" que está a ter o congreso, no que votación tras votación constátase un nivel de consenso que algúns dirixentes cualificaron de "histórico".

Un vídeo deu conta do elevado nivel de mobilización social que caracaterizaron este período e que testemuñan as catro folgas xerais

Un ambiente distendido e de consenso ao que contribuiu o feito de que se chegase a un acordo amplo para presentar unha candidatura unitaria á Executiva Confederal que encabezará máis unha vez Xesús Seixo.Seixo felicitou a todas as sensibilidades da central por chegaren ao consenso que cualificou de "acto de responsabilade".

Ás 10h encetaba a sesión da mañá. A saúda de benvida por parte do secretario comarcal da central nacionalista, Anxo Noceda, como afitrión do cónclave deu paso a unha actuación musical --a cargo do Conservatorio Histórico Artístico de Santiago-- e a proxección dun vídeo no que se repasaron os principais feitos acaecidos nos últimos catro anos. Nel dábase conta do elevado nivel de conflitividade e mobilización social que caracaterizaron este período e que testemuñan as catro folgas xerais. 

A sesión da mañá centrouse no debate do regulamento congresual, que resultou aprobado sen ningún voto en contra e só unha abstención, e o Informe de Xestión da Executiva Confederal saínte. 

Xesús Seixo presentou diante do plenario o Informe de Xestión, que resultou aprobado ao recibir 430 votos a prol (87%), 61 abstencións (12%) e só 5 votos en contra (1%). Nel para alén de repasar de toda a actividade desenvolvida pola central no último cuatrienio, debulla tamén o contexto social, político e laboral ao que se tivo que enfrontar a CIG no período intercongresual, e valorizando as posicións e propostas defendidas polo sindicalismo nacionalista, reivindicando a súa "combatividade e compromiso activo cos intereses da clase traballadora".

O plenario aprobou tamén, cun 93% dos votos, o relatorio de acción sindical que recolle a aposta pola saída do euro

Aliás, foron varias as mencións a conflito sociais que afectan ás clases populares, alén da problemática estritamente laboral, como o drama dos desafiuzamentos e o calote das preferentes, reiterando o apoio da CIG ás reivindicacións deses colectivos.

Apróbanse os relatorios de organización e acción sindical con máis do 90% dos votos

O congreso reaunudou ás 16:30h os seus traballos, na sesión da tarde, co debate da proposta de relatorio de organización e varias modificacións estatutarias. A tese organizativa resultou aprobada cun 91% de apoios, logo do debate de apenas 2 emendas, por 354 votos a prol, 30 abstencións e 1 só voto en contra. Aliás, varias actualizacións estatutarias foron refrendadas por unha ampla maioría, ao recibir 457 votos a prol, 20 abstencións e 1 só voto en contra, o que representa o voto favorábel do 95% das e dos congresistas.

Asemade o plenario aprobou tamén o relatorio de acción sindical cun 93% dos votos (370 a prol, 14 en contra e 13 abstencións), no que entre outras cuestión se recolle a aposta pola saída do euro, ao que se presentaron 45 emendas das que boa parte foron aceptadas ou transaccionadas pola propia ponencia.

Candidatura de consenso á Comisión de Garantías, Executiva Confederal e Secretaría Xeral

A axilidade do debate permitiu adiantar a presentación da única candidatura para a nova Executiva Confederal, inicialmente axendada para as 19:30h, que seguirá baixo o liderado de Xesús Seixo como secretario xeral, mais será na mañá do domingo cando se celebren as votacións.

Na súa intervención Xesús Seixo pon en valor que se trata de candidatura de consenso, que cualificou de "acto de responsabilidade" e agradeceu a todas as sensibilidades o esforzo realizado para converxer nunha única proposta. Seixo salientou tamén que esa dinámica de consenso se estenderá tamén ás unións comarcais da CIG que terán que renovar as súas executivas antes do 30 de xuño.

"Era importante dar unha imaxe de unidade e forza da CIG fronte as polítcas neoliberais e de recortes" concluíu, expresando tamén o compromiso das persoas que integrarán a nova executiva por seguir a "manter o confronto contra estas políticas antiobreiras" e o convencemento de que "a CIG é unha ferramenta fundamental para a clase traballadora galega".

Resolucións congresuais

Por derradeiro o plenario aprobou por aclamación diversas resolucións. A primeira delas referida en apoio do reclamo de soberanía nacional para Galiza na que se afirma que "temos que gobernar nós a nosa tera, desde a soberanía popular". A segunda en defensa dos servizos públicos na que se denuncia o desmantelameno destes e se exixe a "restitución de todos os dereitos sociais e laborais" das e dos empregados da área pública e a fin dos procesos de privatización e recortes en marcha.  A terceira das resolucións aprobadas reitera a oposición do "taxazo xudicial" en reivindicación dunha xustiza accesíbel a todas as persoas.

Acordos en prol do dereito a unha vivenda digna; dos dereitos da poboación inmigrante, recoñecida como "parte da clase traballadora galega"; contra o "criminal" bloqueo dos EUA a Cuba; contra a LOMCE ou contra da represión e da dispersión a que fican submetid@s @s pres@s polític@s galeg@s

Outra resolución o manifesta a oposición da central nacionalista ao patriarcado e á discriminación de xénero, reivindicando "o dereito das mulleres a decidir sen violencia" cara a unha sociedade máis xusta, e na que se consigna o apoio á manifestación nacional do vndeiro 16 de xuño en defensa dun "aborto libre, gratuíto e na sanidade pública".

Os restantes acordos resolutivos céntranse na defensa dos dereitos do colectivo migrante a quen se recoñece como parte da "clase traballadora galega"; contra a criminalizacións das ideas, da represión e tamén da dispersión penitenciaria das e dos presos políticos galegos; polo dereito a unha vivenda digna, respaldando a ILP impulsada pola plataforma de persoas afectadas polas hipotecas, e reclamando a expropiación das vivendas baleiras das que son propietarias as entidades bancarias; pedindo a devolución do aforro estafado nas paticipacións prefernes e a devolución das indemnizacións cobradas polo ex-directivos das entidades financeiras; a favor dun ensino públio, de calidade e en galego e a derrogación do chamado decreto de plurilingüismo e da LOMCE; en apoio ao pobo o goberno de Cuba, contra o "criminal" bloqueo imperialista dos EUA e demndando a posta en liberdade inmediata dos catro heroes cubanos presos nos EUA; contra o "exterminio sindical" en Colombia que nos últimos 30 anos se materializou no asasinato de 8.200 sindicalistas; solidariedade coa loita do pobo saharauí a prol dun estado propio e pola excarcelación dos seus activistas; en apoio á realización dunha auditoría cidadá da débeda pública; de condena aos ataques imperialistas do "capital transnacional e o sionismo" contra os pobos do oriente próximo, cunha referencia especial a Siria e por último exixindo a creación dunha banca pública "ao servizo do noso pobo e da nosa clase".

Vídeo proxectado no acto de apertura

Comentarios