Máis da metade dos despedimentos son xustificados polo empresariado en que ten perdas

O número de traballadores e traballadoras efectadas por Expedientes de Regulación de Emprego (EREs) disparouse na Galiza nun 43% no primeiro semestre. E a reforma laboral propiciou que o empresariado achaque máis da metade dos despedimentos a que ten perdas

O impacto da última reforma laboral vai deixando xa, e malia levar poucos meses en vigor, pegadas de como patronal e goberno do PP entenden que debe ser relacións e mercado laboral. O número de traballadores e traballadoras efectadas por Expedientes de Regulación de Emprego (EREs) disparouse na Galiza nun 43% no primeiro semestre do presente exercicio, 2012.

A cifra de persoas atinxidas por estes expedientes, segundo datos ofrecidos esta mesma semana polo Ministerio de Traballo, nestes seis meses foron 16.428, mentres que no mesmo periodo de 2011 non chegaron ás 11.500. Perto do 65% dos e das traballadoras afectados por un ERE na Galiza nestes primeiros seis meses de 2012 fórono por un expediente de suspensión, mentres un 11,7% sofreron un ERE de extinción e algo máis dun 23% estiveron en expedientes de redución de xornada.

Nestes seis meses foron 16.428 persoas víronse afectadas por expedientes de regulación de emprego

Ao gosto da patronal

Mais a reforma laboral tamén abreu a porta a que o amplo abano de vellas demandas da patronal, en canto a motivos de despedimento, fosen admitidas. E as consecuencias xa se fixeron notar. Un exemplo diso é Vigo, a principal cidade da Galiza. Seis de cada 10 traballadores que levaron ao xulgado á empresa polo seu despido alegaron que esta xustificou botalos á rúa cun argumentario que abrangue desde a crise até carencia de liquidez ou mesmo un descenso dos beneficios.

Esta reforma laboral, tal e como denunciaron no seu momento sindicatos e colectivos sociais, non se propón crear emprego, nen minguar ou diminuir a temporalidade ou mellorar a calidade e seguridade no traballo. Nin sequer se fixo para que se recuperase a economía. Esta reforma, afirmaban, fíxose para protexer os intereses da clase empresarial.

Comentarios