Arde o naval de Ferrol ás portas do Parlamento de Galiza

Centos de traballadores do naval ferrolá maniféstanse perante un Parlamento blindado por ducias de antidisturbios que cortaron varias rúas o tránsito de persoas e vehículos. Os traballadores acusan o PP de ser responsábel da destrución do naval na comarca e anuncian novas e máis contundentes mobilizacións.

naval-ferrol

Manifestación de traballadores dos estaleiros de Ferrol en Compostela. Un milleiro de operarios chegados á capital de Galiza en auto-carros e carros particulares procedentes de toda a comarca e coa finalidade de reivindicar ante o Parlamento o que levan meses exixindo nas rúas, nos centros de traballo, nas xuntanzas: carga de traballo. “Non pedimos imposíbeis, só que Xunta e goberno cumpran o que prometeron en público: Floteis, dique flotante”, sinalan desde o comité de empresa.

"Non pedimos imposíbeis, só que Xunta e goberno central cumpran o que prometeron en público"

A manifestación partiu da Alameda compostelá para chegar ante o Parlamento de Galiza. Alí, ducias de anti-disturbios totalmente pertrechados e coas escopetas de pelotas de goma ben á vista. Varias rúas cortadas ao tráfico e omnipresencia de furgonetas de policía nas máis próximas á Cámara parlamentar. “Máis traballo e menos policía” berraron os operarios ao chegar ante o cordón policial.

Sen renderse

Os traballadores depositaron no chan o cadaleito que simboliza o naval de Ferrol e os monigotes de Feijóo, Rajoy e o alcalde de Ferrol. Entre berros de 'Naval, solución' e 'Onde están, que non se ven, as promesas do PP' prenderon lume o féretro. E o cheiro a pólvora, das ducias de petardos que se guindaban cada pouco, enchía a Rúa do Hórreo, a do parlamento de Galiza.

"Non falamos só dun sector, o naval. Falamos dunha comarca enteira que vai a pique. E dese naufraxio hai responsábeis"

As palabras de orde seguían. Desde as clásicas 'Se isto non se amaña, caña, caña, caña' ou 'A culpa de quen é, dos que votan o PP' até as reivindicacións concretas ('Sen o dique, Ferrolterra vai a pique'), as acusacións con nome e apelidos ('O alcalde de Ferrol, é un esquirol') e o malestar pola ampla presenza policial ('Aí están, eses son, os piquetes do patrón'). Mais unha faixa, xa presente noutras mobilizacións, resumía o sentir dos manifestantes: 'Remata o traballo, remata a paciencia'.

Cabo deles, dos traballadores, desprazáronse representantes dos grupos parlamentares do BNG, AGE e PSdeG. Cando quixeron volver o Parlamento atoparon os anti-disturbios a exixirlles a identificación. Ao igual que os veciños que viven no Hórreo e que para volver os seus enderezos tiñan que mostrar pouco menos que o contrato do piso a algún axente especialmente metódico.

"A Xunta non ten xa nin a decencia de respondernos. Nin iso"

“O trato da Xunta ao naval é unha vergoña”

Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa de Navantia, cualificou de “vergoñento” o trato e a actitude da Xunta e o goberno central para co naval de Ferrol. “Non temos nin unha contestación”, denuncia. Naveiras lembra que levan meses e meses a pedir nas rúas “que cumpran cos seus compromisos públicos: dique flotante, floteis, gaseiros...”, e lembra que son máis de 3.200 empregos destruídos na comarca no naval por culpa, apunta, do Partido Popular. Non quixo naveiras esquecer o alcalde ferrolá, o popular Rey Varela: “´É un demagogo. Fai ver que defende o naval e non é quen de trasladar a nosa situación dentro do seu propio partido”.

'Fóra fascistas da Xunta de Galiza' berraban os manifestantes que xa levaban perto dunha hora ante o Parlamento. “A clave é obrigar ao goberno a que cumpra o que nos comprometeu” reflexionaba José, 55 anos, de Fene, baixo a faixa de 'Remata a paciencia' que engadiu: 'Ti, periodista, sabes que tes que poñer de todo isto? Que arde o naval de Ferrol en Compostela!'. Teu dito, meu feito.

 

Comentarios