Editorial Sermos320

Os aproveitamentos hidráulicos, para o pobo

[Imaxe: Xas] Encoro de Belesar
photo_camera Encoro de Belesar [Imaxe: Xas]

Por que a enerxía non é un auténtico servizo público? A resposta é doada: porque por conta de explotar os recursos naturais de Galiza as grandes compañías eléctricas engrosan os seus beneficios. Empresas, por certo, que pagan os impostos en Madrid e que na Galiza non deixan máis que destrución. Exportamos máis do 40% da produción e, por riba, pagamos o recibo de luz máis caro que noutros territorios do Estado. Neste contexto, o máis xusto sería devolverlle ao pobo a xestión dos aproveitamentos hidroeléctricos. Isto é o que persegue unha nova ILP impulsada pola CIG, que tamén ten como obxectivo a revisión das concesións, algunha das cales data do século XIX e aínda a día de hoxe segue en mans privadas.

A piques de vérmonos castigadas e castigados polo suplemento territorial que vai encarecer, aínda máis, o prezo da luz, o Goberno galego conta cunha oportunidade de ouro para recuperar os saltos e aproveitamentos hidroeléctricos nas concas da súa competencia, máxime cando estamos á cabeza na produción de megavatios a nivel estatal. A Xunta ten o deber de velar polos intereses de Galiza. Que a enerxía sexa un servizo público que reverta no desenvolvemento económico non é utopía ningunha.

Comentarios