Apres Ferrolterra remata a folga de fame e continuará as mobilizacións

A Asociación de afectad@s polas participacións preferentes e subordinadas rematou a folga de fame que realiza desde o pasado 24 de decembro. O 19 deste mes protestarán diante do Congreso do PPdeG en Lugo.
Afectad*s preferentes Ferrolterra

Pasaron todas as festas en folga de fame rotatoria e pechad@s para que lles devolvan os seus aforros “secuestrados”. A Asociación de afectad@s polas participacións preferentes e subordinadas, APReS-Ferrolterra decidiu cesar a acción que comezou o pasado 24 de decembro e que tiña que ser só dunha semana de duración. “A protesta foi moi satisfactoria, a xente quer que se lle reintegren os cartos que son seus”. Manuel, un d@s afectados, considera moi positiva a reacción da xente que participou todos estes días na protesta. “Houbo moito acompañamento, até 30 persoas algún día, moito tendo en conta que aquí temos pouco máis de 8m² de espazo”.

En quendas de 48 e 24 horas pasaron as datas máis familiares do ano. “Non quixemos celebrar nin uvas nin nada, non temos nada que celebrar”, aseguran desde Apres-Ferrolterra. Manuel tamén lembra que algúns partidos políticos pasaron polo lugar para darlles o seu apoio. “Ademais de moita xente a título persoal viñeron representantes do BNG e de AGE”.

As Plataformas de afectad@s polas preferentes concentraranse o 11 de xaneiro diante das catro deputacións provinciais.

José María é o último na quenda e ten claro que seguirá na protesta “até que nos devolvan o que é noso, o 100% dos nosos aforros”. A idea dest@s indignad@s é que a protesta “vaia á rúa” e por iso contan que participarán nas mobilizacións que para este mes e o vindeiro prepararon as plataformas de todo o país.

Calendario de mobilizacións

As Plataformas de afectad@s polas preferentes concentraranse o 11 de xaneiro diante das catro deputacións provinciais. “Na Coruña mesmo pensamos en protestar diante da Audiencia Provincial, non é de recibo que non actúen contra @s verdadeir@s responsábeis deste roubo, que traballen un pouco”. @s afectados polas preferentes agardan que ese organismo active a demanda do ministerio fiscal canto antes. Manuel, como o resto da asociación, pensa que o goberno galego e o español actúan de maneira “tiránica” cos clientes das entidades bancarias afectad@s. “O outro día na Praza do Obradoiro detiveron a dúas persoas, unha delas Celia Martínez de Apres-Ferrolterra, por indicación dun gardacostas do propio Rajoy”. 

A Apres-Ferrolterra participará nas protestas do 19 de xaneiro no Congreso do PPdeG en Lugo e tamén na manifestación convocada para o día 3 de febreiro en Compostela. “Falamos con sindicatos e formacións políticas e pensamos convocar desde o mesmo Parlamento galego para que a poboación entenda que non é só o problema de poucos senón de toda a cidadanía”.

Comentarios