Apple considera “política” a decisión de Bruxelas sobre as súas axudas ilegais

Tim Cook, o máximo executivo de Apple, nega que a compañía só pagase o 0,005% en impostos a Dublín polos seus gaños de 2014. O goberno irlandés aínda non tomou o acordo de recorrer ante Bruxelas.

Cook
photo_camera Tim Cook. Foto: @tim_cook

Continúa a treboada político-económica após a decisión da Comisión Europea de multar a Apple coa restitución de 13 mil millóns de euros a Dublín por se beneficiar de exencións fiscais durante o período 2003-2014, consideradas por Bruxelas como axudas ilegais.

O Executivo comunitario afirma que en 2014 unha sede de Apple en Irlanda tributou só ao tipo do 0,005%, ou sexa, pagou ao fisco 50 euros por cada millón de euros de beneficios.

En declaracións aos meios públicos irlandeses, Tim Cook negou estes dados. “Son dados falsos. Non teño ideia de onde os tiraron. Non son verdade. Esta é a verdade. En 2014, pagamos 400 millóns a Irlanda”. De acordo coa versión do CEO de Apple, Duplín aplicoulle aos beneficios do xigante californiano un tipo do 12,5%.

Apple nega os dados de Bruxelas e afirma que en 2014 pagou a Irlanda 400 millóns de euros en impostos

Cook ve unha man “política” na decisión de Bruxselas. “É irritante, para se volver tolos, é decepcionante, é obvio que isto vén dunha instancia política, non ten base nen nos feitos nen na lei, e infelizmente é unha desas cousas que teremos que superar traballando”. “Non fixemos nada mal e o goberno irlandés, tampouco”, esclareceu.

Apple recebeu desde o primeiro minuto o apoio quer da Administración Obama quer do goberno irlandés, que non desexa a devolución dos 13 mil millóns de euros porque prefire preservar a súa política fiscal, dirixida a atraír investimentos das multinacionais, nomeadamente das de alta tecnoloxía.

Dublín, porén, aínda non tomou formalmente a decisión de apresentar recurso. Reuniu o seu consello de ministros esta cuarta feira para avaliar a situación e agárdase que esta sexta feira o volte a facer.

Comentarios