Apagón de 15 minutos na Mariña esta quinta en apoio a Alcoa

O comité de empresa da factoría de San Cibrao convoca a cidadanía a secundar este acto simbólico
Obreir@s de Alcoa frente a Xunta da Galiza
photo_camera Obreir@s de Alcoa frente a Xunta da Galiza

O comité de empresa da factoría de Alcoa fixo un chamamento á cidadanía da Mariña a apoiar e secundar o apagón 'simbólico' con que queren instar as administracións a que se mollen a prol dunha 'tarifa competitiva' para a factoría que lle garanta a viabilidade do proxecto, con máis de tres décadas de presenza nesta comarca. A cita será esta quinta feira, entre as 21:30 e 21:45. Quince minutos de apagón para simbolizar esta demanda. A esa mesma hora, realizarase unha concentración na praza do Concello de Burela.

Quen xa anunciou o seu apoio a esta medida de presión convocada polo cadro de persoal da factoría é a Deputación de Lugo, que informou de que se suma á mesma para emprazar a gobernos galego e español a procurar unha solución para Alcoa: "Alcoa de San Cibrao é unha das tres factorías máis produtivas do mundo, polo que é incomprensíbel que sigamos nesta situación".

Paciencia esgotada

Nas últimas semanas están a se intensificar as mobilizacións e medidas de presión para lograr esa 'tarifa competitiva'. Así, hai uns días case mil persoas se manifestaron na Mariña. 

A factoría de aluminio dá emprego directo a 2.000 persoas e xera unha terza parte do PIB da provincia de Lugo.

O BNG pediu a semana pasada unha reunión urxente da deputación permanente do Parlamento galego para tomar unha postura fixa sobre Alcoa.

Comentarios