O Ministerio de Transportes autoriza subir as peaxes

AP-9, gas natural e carburantes inician 2021 con subas xeneralizadas

No medio da segunda onda da pandemia, Galiza mudou de ano coa mala nova da suba das peaxes da AP-9, malia o compromiso do Goberno español asinado co BNG no mes de xaneiro. Ademais increméntanse os carburantes, o gas natural, as bebidas azucradas e o imposto de matriculación.
Inauguración das obras da ampliación da AP-9. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Inauguración das obras da ampliación da AP-9. (Foto: Xunta da Galiza)

Galiza iniciou este 2021 cun aumento nas peaxes da AP-9, ademais de subas no gas natural, nos carburantes e no imposto de matriculación que afectarán directamente á sociedade e á economía do país. O Ministerio de Transportes autorizou Audasa, a empresa concesionaria da AP-9, a subir os seus prezos un 0,92% malia contar nos Orzamentos Xerais do Estado cunha partida para evitar o aumento. Desta forma, percorrer toda a autoestrada desde a pasada sexta feira nun turismo custará 22,40 euros. A outra estatal, a AP-53 entre Lalín e Compostela, baixará a  peaxe entre un 0,08 e un 0,11 %.

No BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, pedira por carta ao ministro de Transportes e Mobilidade, José Luís Ábalos, a rebaixa da peaxe da AP-9 lembrándolle o acordo nos orzamentos estatais cunha partida de 50 millóns de euros para reducila. Para o deputado nacionalista Néstor Rego é "inaceptábel" esta decisión e agarda non estar "diante dun novo incumprimento do Goberno co noso país e dun novo acto de discriminación á Galiza". 

Por parte do PP, a conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, sinalaba nas redes sociais que o Goberno español elixiu “sempre cumprir con Audasa antes que cumprir cos galegos”. 

Desde o PSOE, o Delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, sinalaba tamén nas redes sociais que a AP-9 “podería ser do Estado e libre de peaxe mais o PP aumentou o período de concesión”. En relación ao aumento asegura que “baixará as súas tarifas ao longo do ano”. 

Subas no gas e nos carburantes

O prezo do gas natural para todos aqueles consumidores acollidos á tarifa regulada polo Goberno (TUR) sobe unha media de 5,97%. O prezo para a clientela que utiliza o gas para a subministración de auga quente, subirá un 4,6%, mentres que os que ademais teñen calefacción de gas, farao un 6,3%. O prezo da bombona de butano, polo seu lado, sitúase neste inicio de ano en 12,68 euros, tras aumentar de prezo case un 4,9% en novembro, á espera de ver se se volve encarecer. Os prezos dos carburantes entran marcando máximos. O importe medio do litro de gasolina sitúase nos 1,184 euros, mentres que o gasóleo alcanza os 1,069 euros. No caso da luz, a parte regulada do recibo prorrogarase até 1 de abril, data en que está previsto que entre en vigor a nova estrutura do recibo. 

Bebidas azucradas e envases de plástico

As bebidas azucradas e edulcoradas pasarán a ter unha suba no IVE de 10% a 21% coa intención, segundo o Goberno español, de combater as dietas pouco saudábeis, aínda que se exceptúan os lácteos. A alza da tributación realizarase en supermercados, aínda que a consumición en bares e restaurantes seguirá tributando a 10%. Tamén se contempla a creación dun novo imposto a envases de plástico dun só uso e outro novo sobre residuos, que se deriva da modificación dunha directiva que insta a que en 2035 só 10% de residuos municipais xerados acaben en entulleiras.

Aumento do prezo de matriculación

Pola súa banda, o Goberno español descartou a redución da bonificación do diésel para equiparar a súa fiscalidade á da gasolina, mais subirá o imposto de matriculación, xa que finaliza a moratoria de 2018 do WLTP, un sistema que determina as cifras de emisións e consumo dos vehículos, o que repercutirá no prezo dos vehículos novos e previsibelmente pagarán máis polo imposto de matriculación ao mostrar máis emisións. As novas probas fan que un mesmo vehículo teña valores contaminantes até 30% maiores, o que elevará o seu prezo 5%, chegando nalgúns casos até 10%. 

Ademais, este ano medran de 6% ao 8% o imposto sobre as primas de seguros, aínda que seguirá no tramo baixo da UE. Para o seguro a terceiros dun automóbil suporá 6,20 euros máis ao ano e para o seguro do fogar, uns 3,98 euros anuais. 

Correos aumenta 7,7% a tarifa habitual

O selo de Correos para enviar cartas e tarxetas postais normalizadas subirá un 7,7%, pasando a custar 0,70 euros. Os selos para mandar cartas e postais a países europeos encarécense un 3,4%, até situar o seu prezo en 1,50 euros. As cartas con destino EUA, Canadá, Xapón, Australia e Nova Zelandia custarán 1,60 euros, fronte aos 1,55 euros de 2020. Para o resto de países, o franqueo será de 1,90 euros (+22,5%). Nos envíos de paquetes a destinos estatais, Correos subiu unha media do 4,7%. Para envíos internacionais aumenta un 2,53%.

Comentarios