Rosa Conde

“Ao final, sobre os aforros dos galegos decidirán desde Madrid a que outros territorios van e para que”

Falamos coa secretaria da sección sindical da CIG no Banco Pastor-Grupo Popular da situación da entidade que representa por volta de 20% do mercado financeiro galego e pola que sobrevoa con cada vez máis forza a súa venda inminente a outro banco.

Banco popular pastor CIg

- Que é o que está a pasar co Popular e como se chegou a esta situación?

- En novembro de 2016 acordouse un ERE, expediente que a CIG non asinou. A argumentación do banco naquelas negociacións era que o ERE era necesario porque a situación era delicada e facía necesaria a reestruturación para a viabilidade do banco. Facilitóusenos daquela unha información económica que contradecía a que se publicara uns meses antes, en maio de 2016, para a campaña de  ampliación de capital. Había unha serie de aspectos na información que se remitira á Comisión nacional do mercado de valores (CNMV) que era contraditoria coa que se nos daba a nós para xustificar o ERE. E así llo fixemos ver na mesa de negociación e tamén a través dun informe económico que se entregou facendo constar estas cuestións.

A propia entidade recoñecía que a situación non era boa e que unha das solucións pasaba por prescindir duns 2.600 traballadores no conxunto do estado. En Galiza falaban de suprimir uns 450 empregos e finalmente foron sobre 315. Houbo feche de oficinas e todo iso implica, como por exemplo unha importante carga de traballo sobrevida para o resto de empregados.

- Nestes últimos meses, e a teor das informacións, semella que as cousas non melloraron no grupo Popular, embora os cambios na ponte de mando do banco

Houbo cambio de consello delegado e o novo conselleiro delegado nomeado daquela xa non está tampouco, saíu no mes de abril. O banco declarou no seu momento perdas. Mais comunicou posteriormente que esas perdas eran maiores das sinaladas nun principio porque había unha serie de previsións que non foran dotadas adecuadamente, para alén de financiamentos que se concederan para ampliación de capital e que había que descontalo.

O banco vén lastrado polo ladrillo, o que non é unha novidade, e as provisións que hai están por baixo das quer rexistra o sector. O que tamén detectaramos no seu momento é que o Banco Pastor [adquirido a finais de 2011 por máis de 1.200 millóns de euros] si era rentábel como entidade en Galiza. De feito, na propia información que nos facilitaba o grupo Popular na negociación do ERE dicía que o Pastor era rentábel e que daba beneficios.

- Non deixa de ser curioso que quen adquiriu o Pastor estea en dificultades e o Pastor non...

O Banco Pastor tivo problemas mais no seu territorio de orixe, Galiza, estaba saneado. Tiña operacións con dificultades mais o índice de morosidade, por exemplo, era moito máis baixo do que se daba noutros ámbitos.

- Como afronta o cadro de persoal as noticias e informacións que apontan a unha venda a curto prazo do banco?

- Os traballadores estamos bastante indignados. A mensaxe que nos traslada o banco é que temos que seguir a traballar como até o de agora, que hai que seguir a cumprir os obxectivos, continuar coas campañas en marcha... mais ninguén dá unha explicación sobre o que está a pasar ou cal vai ser o futuro do banco. Día tras día tes que atender os clientes que veñen preguntar sobre a situación, algo lóxico porque as noticias son cada vez máis preocupantes e o propio banco emite mensaxes cambiantes. Tamén dicir que a CNMV e o Banco de España, que son os organismos supervisores, non están a facer ben o seu traballo

- Que supón hoxe en día o Pastor-Popular en Galiza e que consecuencias podería ter para o país a súa adquisición por outro banco?

- É a primeira marca despois de Abanca. A cota de mercado galego do Popular, fundamentalmente coa marca Pastor, está no 22% aproximadamente. E estamos a falar dun mercado financeiramente atractivo, porque é aforrador e ten un índice de morosidade baixo malia a crise. Hoxe por hoxe, iso é un doce moi apetitoso para outros competidores do sector, iso está claro.

A nivel de emprego, a situación dependerá de que operación faga e con quen a faga. Fálase de venda parciais de negocio, polo que unha venda por separado do Pastor ao mellor para o emprego en Galiza sería máis positivo. Mais iso depende de moitas variábeis, son conxeturas. O Banco Pastor é unha entidade con ficha bancaria propia, aínda que estea participada ao 100% polo Popular. Sería pois factíbel que se vendese por separado.

A nivel de emprego, o que preocupa é que se dea duplicidade de oficinas coa entidades que compren o banco, porque iso sabemos o que significa: perda de emprego inmediato.

- De callar a venda do Popular e a súa compra por outra das grandes entidades españolas estariamos ante un novo episodio do proceso de concentración bancaria que se deu nestes anos. E no estado español xa hai un nivel de concentración moi alto, de oligopolio: cinco entidades controlan o 60% do negocio, unha porcentaxe moi superior á que se dá en Alemaña, Reino Unido ou Francia.

- Certo. De seguirmos nesta liña as principais entidades acabarán controlando todo o mercado. Mais iso non acontece en Alemaña, onde mesmo manteñen as caixas. Mais no estado español semella que iso non interesa e as decisións políticas favorecen que vaiamos cara a un oligopolio, algo que non acontece só no sector financeiro, miremos senón o eléctrico.

- Debería a Xunta amosar algún tipo de interese ante a posibilidade de que haxa cambios na titularidade da entidade que ten máis do 20% do mercado galego?

- Á Xunta non lle interesa. De pedirlle algo remitiríanos aos organismos reguladores, CNMV e Banco de España, alegando que ela non ten competencias. Non vexo que a Xunta estea preocupada, e estamos falando dunha cuestión que é que o sector en Galiza desaparece cada vez máis mentres outros territorios mantéñeno. E isto do que falamos non é pouca cousa, porque ao final sobre os aforros e investimentos dos galegos decidirán desde Madrid a onde e para que van.

Comentarios