XUÍZO CONTRA O SINDICALISMO

Antolín Alcántara defende a inocencia e di que ocuparon a Estación Marítima para refuxiarse da policía

O dirixente da CIG está acusado dun delito de desordes públicas e danos pola ocupación deste edificio durante a folga do metal de 2009. A fiscalía pide catro anos de cárcere. A central nacionalista fala dun xuízo político "que persegue criminalizar o movemento obreiro"
photo_camera Concentración de CIG diante dos xulgados de Vigo

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, sentou nesta terza no banco d@s acusad@s por un delito de desordes públicas e danos durante a ocupación da estación marítima de Vigo na folga do metal do 2009. O sindicalista alegou que entrou no edificio para refuxiarse dunha carga policial que cortou a manifestación á altura da rúa Cánovas del Castillo.

Alcántara defendeu que o plan inicial era ocupar o centro comercial de A Laxe para chamar a atención das e dos turistas que ían desembarcar do cruceiro Independence of The Sea. Mais non contaban con que a policía española cortase a manifestación. Segundo o sindicalista, oíronse disparos e pelotas de goma, e fuxiron cara á estación para se refuxiaren.

Canda el sentaron tamén no banco Celia G., responsábel de prensa da CIG naquel momento, quen defendeu que entrou na estación para cubrir a información acompañada doutros xornalistas; e Ramón Sarmiento, de Comisiones Obreras, que indicou que a intención era celebrar unha asemblea en A Laxe, mais a carga policial non llo permitiu.

Concentración solidaria da CIG
Á mesma hora en que Alcántara estaba citado a declarar, sindicalistas da CIG concentráronse diante dos xulgados para transladar "a nosa solidariedade", ademais de denunciar o que a central nacionalista "unha decisión política que persegue criminalizar o movemento obreiro e desactivar toda resposta organizada ás inxustizas do sistema".

A fiscalía solicita catro anos de prisión --dous anos por desordes e outros dous por danos-- e unha multa de carácter económico. Ante isto, a CIG considerou que o enxuizamento a Alcántara encaixa "na escalada represiva que está a protagonizar o PP coa aprobación de medidas que só buscan atacar os sectores máis organizados e combativos, como o metal".

Este non é o único proceso xudicial que ten pendente o dirixente da CIG, xa que aínda permanece aberto outro procedemento penal contra el, neste caso pola ocupación do edificio da Xunta durante a folga do metal de 2007. Por estes feitos tamén está imputado, xunto a Antolín Alcántara, o daquela responsábel do naval do sindicato, Víctor García.

Comentarios